Bravo sinala que apenas hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

Bravo sinala que apenas hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

A Coruña, 2 de maio de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, cuxo estudo de detalle irá a Pleno o vindeiro luns, non ten orzamento suficiente, xa que os orzamentos galegos só contemplan 150.000 euros para executar esta obra. O custo total, sinala Bravo, aproxímase ao millón de euros, dez veces máis do consignado polo Goberno do Sr. Feijóo nos orzamentos galegos. A edila nacionalista lembra que o PP tombou a emenda parcial que o BNG presentara aos orzamentos galegos para que se incrementase a partida destinada á ampliación deste cento.

A edila nacionalista alude ao desleixo histórico do Partido Popular no CEIP Emilia Pardo Bazán, onde demorou unhas obras reclamadas desde hai anos. Por enésima vez, afirma, o Goberno municipal presentou o pasado mes de abril, acompañado de conselleiros, as obras de ampliación deste centro de ensino. De feito, sinala que na última destas presentacións, tivo lugar unha reunión tensa coa comunidade educativa.

No que ten a ver coa escola infantil a construír no CEIP Raquel Camacho, María Xosé Bravo pon de manifesto que o balance do Goberno municipal en materia de educación é –1 escola infantil, despois de que suprimise o proxecto de escola de Pedralonga, para a que o anterior Goberno orzara 500.000 euros. A nacionalista ironiza con que despois desta escola infantil, que se fai grazas aos cartos que achega o Urbana C e non pola xestión do Partido Popular, a cidade da Coruña "quedará a pre".

Bravo sinala que apenas hai cartos para a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán