Bravo: "Negreira permítelle á banca seguir co seu negocio inmobiliario por conta d@s desafiuzad@s"

Bravo: "Negreira permítelle á banca seguir co seu negocio inmobiliario por conta d@s desafiuzad@s"

A Coruña, 26 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo expuxo esta mañá en rolda de prensa o posicionamento das nacionalistas sobre a adhesión do Concello da Coruña ao convenio para a creación dun fondo social de vivendas en aluguer, adhesión que foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado sábado. Trátase dun convenio impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), asinado por Ana Pastor, ministra de Fomento, Luis De Guindos, ministro de Economía, Ana Mato, ministra de Servizos Sociais, por 32 entidades bancarias (entre as que se atopan Bankia, o BBVA, o Banco de Santander ou Novagaliciabanco) e por agrupacións do ámbito destas entidades.

Bravo criticou que en virtude deste acordo son as entidades financeiras as que crean un fondo de vivendas que ofrecen a súa clientela desaloxada. "O lamentábel é que son as propias entidades bancarias as que avalían a idoneidade das persoas beneficiarias", sinalou. A nacionalista explicou que o funcionamento do proceso é o seguinte: primeiro, as persoas desafiuzadas teñen que acudir ao banco que os embarga; a continuación, a entidade bancaria solicítalle un informe aos Servizos Sociais; e, por último, é a entidade bancaria quen aproba, ou non, o aluguer.

A entidade bancaria queda co teu diñeiro pagado, coa vivenda hipotecada e tamén pode quedar coa vivenda de quen te foi de avalista, por riba, demándate pola débeda pendente e cóbrache un aluguer por unha vivenda

"Trátase dun novo negocio da banca e dun lavado de cara do Partido Popular", salientou. "Resulta indigno que o Goberno municipal venda este convenio como a solución ás execucións hipotecarias", expuxo Bravo, "e isto, malia que a entidade bancaria queda co diñeiro pagado, coa vivenda hipotecada e tamén pode quedar coa vivenda de quen foi de avalista e, por riba, demándate pola débeda pendente (dación en pago)". "Este convenio non é a solución cando hai moitísimas máis vivendas baleiras que vivendas sociais en aluguer e cando no Estado español hai 6 millóns de persoas no desemprego", salientou.

Na mesma liña, Bravo chamou a atención sobre o escaso número de vivendas deste parque inmobiliario na cidade da Coruña. "Preguntámoslle ao Goberno municipal cantas destas vivendas están no Concello da Coruña", sinalou. Aínda que o convenio fala de 6.000 vivendas para todo o Estado, segundo as pesquisas realizadas polo BNG, NovaGaliciaBanco, por exemplo, só ten 8 vivendas na provincia da Coruña (non facilita o número de vivendas que ten na cidade), o Banco Popular ten 15 vivendas na provincia (só unha delas na cidade) e o BBVA ten 14 vivendas na provincia (ningunha delas na cidade).

Ao adherirse a convenios coma este, o Sr. Negreira permítelle á banca seguir co seu gran negocio e permítelle dar saída ao seu parque inmobiliario

Bravo emprazou o Partido Popular, partido do que o alcalde da Coruña é presidente provincial, a ser ser sensíbel ao sufrimento de tantas persoas e a apostar por outras políticas públicas. Sinalou que a lexislación en materia hipotecaria "non é propia dun Estado democrático de dereito" e puxo de manifesto que é "inhumano, inxusto e economicamente ruinoso rescatar a banca privada e non rescatar as persoas damnificadas pola burbulla inmobiliaria". "Ao adherirse a convenios coma este, o Sr. Negreira permítelle á banca seguir co seu gran negocio e permíteselle dar saída ao seu parque inmobiliario", apuntou Bravo, quen acusar o PP se pretender servir á banca e non ás vítimas.

Por último, a concelleira do BNG reivindicou a necesidade de modificar a lei hipotecaria e de que as propias Administracións denuncien os abusos das entidades financeiras. Tamén puxo de manifesto a aposta do BNG por un parque público de aluguer social. "Desde o BNG esiximos unha política de vivenda asequíbel e digna e tamén lle esiximos ao Partido Popular que deixe de traballar ao ditado das entidades financeiras", concluíu.

Bravo: "Negreira permítelle á banca seguir co seu negocio inmobiliario por conta d@s desafiuzad@s"