O BNG xa tiña advertido da superposición dos accesos por vía férrea e por estrada ao porto exterior

O BNG xa tiña advertido da superposición dos accesos por vía férrea e por estrada ao porto exterior

A Coruña, 7 de febreiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG xa advertiu, o pasado 24 de novembro en nota de prensa, do caos existente na planificación dos accesos ao Porto Exterior por vía férrea e por estrada. As nacionalistas recolleron esta situación tamén nas súas alegacións ao estudo informativo do Ministerio de Fomento sobre a prolongación do acceso ao Porto Exterior e ao Plan especial de infraestruturas da vía de acceso ao Porto Exterior-conexión AC-14 co límite no termo municipal de Arteixo.

O BNG lembra que a proposta seleccionada polo Ministerio de Fomento para o acceso viario ao Porto Exterior (semellante ao Plan especial de infraestruturas da vía de acceso ao Porto Exterior aprobado polo concello) vai por unha superficie que coincide coa proposta-alegación de acceso ferroviario consensuada polo Concello da Coruña e o Concello de Arteixo. Ambas propostas, a do acceso ferroviario e a do acceso por estrada, coinciden no Polígono de Vío, superpóndose parcialmente.

Salientan, as nacionalistas, que o propio Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) puxo de manifesto, o 24 de setembro, a superposición entre os dous trazados nun informe preceptivo e vinculante ao Plan especial de infraestruturas aprobado inicialmente en Xunta de Goberno Local o 14 de novembro.

Esta superposición de accesos foi recollida polo BNG nas súas alegacións do 29 de decembro de 2014 ao estudo informativo do Ministerio de Fomento sobre a prolongación do acceso ao Porto Exterior e nas súas alegacións de 23 de xaneiro ao Plan especial de infraestruturas da vía de acceso ao Porto Exterior-conexión AC-14 co límite no termo municipal de Arteixo.

O BNG xa tiña advertido da superposición dos accesos por vía férrea e por estrada ao porto exterior