O BNG urxe o Sr. Negreira a impulsar os sectores produtivos para loitar contra o paro

O BNG urxe o Sr. Negreira a impulsar os sectores produtivos para loitar contra o paro

paroA Coruña, 3 de decembro de 2013.- Novembro deixa na Coruña un total de 23.196 persoas no desemprego, 28 menos que en outubro, mes en que só na nosa cidade se rexistraron 300 parados e paradas máis. A ollos do BNG, as cifras de novembro fican lonxe de seren positivas. De aí que as nacionalistas lle advirtan ao Goberno do PP que non pode consolarse, máxime tendo en conta que os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) reflicten que en só tres meses se destruíron perto de 8.000 postos de traballo na cidade.

Os datos do paro do mes de novembro volven poñer de manifesto que o desemprego se ceba máis coas mulleres que cos homes. Do total de 23.196 persoas no paro, 12.272 son mulleres e 10.924 son homes. Estas cifras, sinalan as nacionalistas, evidencian que as mulleres son as principais pagás da crise e que o Goberno do Sr. Negreira non está a facer nada por impulsar medidas de fomento do emprego para as mulleres.

O BNG urxe o PP a apostar polos sectores produtivos da cidade, capaces de crear postos de traballo

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que se o Goberno municipal do PP non desiste na súa política de pouco pan e moito circo as cifras do desemprego irán a peor. As nacionalistas urxen o Sr. Negreira a deixar de malgastar os cartos públicos en obras que non lle corresponde, como o caso do túnel da Mariña, e en festas e actividades circenses para investir os recursos públicos nos nosos sectores produtivos, capaces de crear postos de traballo.

A este respecto, o BNG amósase moi crítico con que o Partido Popular rexeitara todas as emendas parciais presentadas polas nacionalistas aos orzamentos xerais do Estado, unhas emendas encamiñadas á xeración do emprego. As emendas do BNG reclamaban fondos públicos para a limpeza integral da ría do Burgo, onde, en só 30 anos foron destruídos 2.000 postos de traballo, para a rexeneración da zona do emisario de Bens, para a conexión ferroviaria do porto exterior e para o desenvolvemento industrial.

O BNG urxe o Sr. Negreira a impulsar os sectores produtivos para loitar contra o paro