O BNG, a única forza que levou ao Parlamento a construción do CEIP integrado de Novo Mesoiro

O BNG, a única forza que levou ao Parlamento a construción do CEIP integrado de Novo Mesoiro

A Coruña, 1 de abril de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego é a única forza política que levou ao Parlamento a necesidade de crear un centro de ensino público integrado en Novo Mesoiro. Precisamente, o BNG segue á espera da tramitación parlamentar da batería de iniciativas. Nunha proposición non de lei, Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, insta a Xunta de Galiza a incluír o novo centro de ensino de Novo Mesoiro na programación de equipamentos educativos a iniciar antes de que conclúa a presente lexislatura. O portavoz nacionalista tamén empraza a Xunta a acometer á maior brevidade posíbel as obras no CEIP Manuel Murguía de Feáns, de maneira que se garanta que esta actuación se inicie no presente exercicio orzamentario.

O portavoz parlamentar do BNG, que presentou esta batería de iniciativas despois de se reunir coa ANPA do CEIP Manuel Murguía de Feáns, pon de manifesto nas iniciativas que as persoas que habitan en Novo Mesoiro superan xa as 10.000 persoas e advirte de que “o feito de que no barrio se estabeleceran maioritariamente parellas mozas provoca un medre continuado da poboación en idade escolar”. Así, Jorquera apunta que a 1 de xaneiro de 2014, a poboación menor de 10 anos representaba o 21,86% do total (1.488 nenos e nenas), dos cales o 63,62% son menores de cinco anos. Expón o nacionalista que nun só ano (entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 1 de xaneiro de 2014) a poboación menor de 10 anos foi incrementada en 119 persoas.

O CEIP máis próximo a Novo Mesoiro é o Manuel Murguía, de Feáns, que non é quen de absorber a demanda, pois só ten espazo para 170 estudantes

Jorquera denuncia nas iniciativas que o barrio non foi provisto dos equipamentos educativos necesarios para atender a crecente demanda. De feito, o colexio máis próximo a Novo Mesoiro é o CEIP Manuel Murguía de Feáns, que acolle 170 estudantes. O portavoz do BNG no Parlamento sinala que este centro ten unhas instalacións e unha dotación insuficiente para atender as necesidades dunha poboación escolar en continuo aumento. Segundo lle transmitiron os pais e nais, o comedor, con capacidade para só 50 alumnos, está saturado; o centro carece de aula de apoio; as aulas de relixión católica teñen que impartirse na biblioteca –que nese horario queda inutilizada-; as aulas de relixión evanxélica danse nun relanzo e as aulas de matemáticas impártense nas aulas de informática.

O portavoz nacionalista indica que as limitacións do CEIP Manuel Murguía provocan que as familias envíen as crianzas a outros centros da cidade, no mellor dos casos, advirte, situados a 4 quilómetros de distancia de Novo Mesoiro. Isto implica unha gran dificultade para conciliar vida familiar con vida laboral. De aí que Jorquera insista na necesidade de dotar Novo Mesoiro dun centro de ensino público integrado e de acometer melloras no CEIP de Feáns.

O BNG, a única forza que levou ao Parlamento a construción do CEIP integrado de Novo Mesoiro