O BNG reivindica un tren de proximidade que conecte a cidade coa comarca

O BNG reivindica un tren de proximidade que conecte a cidade coa comarca

trenA Coruña, 27 de outubro de 2013.- Como membro da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas, o BNG participou esta mañá na viaxe reivindicativa en ferrocarril que partiu da estación de San Cristovo até Betanzos baixo o lema “Que non nos rouben o tren”. Entre as participantes atopábanse o responsábel comarcal, Paulo Carballada, e cargos institucionais do BNG, como Xosé Manuel Carril e María Xosé Bravo, entre outros.

As nacionalistas aproveitan esta actividade para solicitaren un tren de proximidade que conecte a cidade da Coruña coas vilas da comarca. De feito, o BNG vén de presentar no Congreso dos Deputados perto de 200 emendas parciais aos orzamentos xerais de 2014, entre elas, unha emenda de 400.000 euros para a creación dun servizo de proximidade no noso país.

O BNG propón 400.000 euros fronte aos 52.690 consignados polo Goberno central para o tren de proximidade

Os orzamentos xerais do Estado supoñen a morte do camiño de ferro que une a nosa cidade con Ferrol. Amais de confirmaren o atraso dos estudos tanto do Eixo Atlántico como da Alta Velocidade, as contas xerais de 2014 certifican o abandono do xa célebre estudo para a implantación do tren de proximidade, unha partida que o PP pospón ano tras ano e que para o 2014 contará tan só con 52.690 euros se o Goberno central non acepta a citada emenda do BNG.

O Bloque lamenta que o Goberno central aposte pola conexión de Galiza con España en detrimento da liña ferroviaria interior. Case 900 millóns dos 1.339 millóns destinados ao noso país nos orzamentos xerais do Estado son absorbidos pola alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense. O BNG non cuestiona que se execute o programado para o AVE, mais pon de manifesto que a nosa comarca ten outras moitas necesidades ferroviarias que nos teñen desatendidas desde hai anos.

As nacionalistas advirten de que na nosa comarca padecemos unha conexión por camiños de ferro propia do século pasado e repróchanlle ao PP a falta de compromiso orzamentario para o estabelecemento dunha rede de proximidade, unha demanda xa histórica. Lembra o BNG que Galiza é das poucas autonomías que non posúe unha rede de proximidade cando é unha das que maior dispersión poboacional ten. A Coruña supera en número de habitantes zonas do Estado español onde as usuarias si gozan dun servizo de proximidade. De feito, tramos como o da Coruña-Ferrol suman máis de 600.000 habitantes, cifra que se aproxima á de Guipúzcoa (que conta con 691.000 habitantes) e cifra claramente superior á de Murcia (416.000 habitantes) e á de Santander (300.000 habitantes), núcleos que si contan co servizo de cercanías.

O BNG pon de manifesto que crear unha rede de proximidade na Coruña non implica ningunha faraónica, só se trata de dárlle servizo a infraestrutura coa que xa contamos, en clave de optimodalidade, é dicir, aproveitar e potenciar as infraestruturas xa existentes. No caso da Coruña, ás vías de ferro veñen desde Ferrol e pasan por diferentes localidades da nosa comarca, pasando polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña, polo Porto até o propio centro, a Praza de Ourense.

O BNG reivindica un tren de proximidade que conecte a cidade coa comarca