O BNG reivindica lazos de unión entre A Coruña e Porto polo San Xoán

O BNG reivindica lazos de unión entre A Coruña e Porto polo San Xoán

A Coruña, 3 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou esta mañá un rogo en que solicita que o Concello da Coruña desenvolva accións e actividades comúns coa cidade de Porto, en relación coa festa de San Xoán. Deste xeito, permitiríase afondar no coñecemento mutuo e na relación no eido turístico e económico, así como o desenvolvemento de iniciativas de dinamización da cultura portuguesa na nosa cidade e de concienciación do carácter internacional da nosa lingua.

Así, Avia Veira chama a aproveitar a proxección internacional que se lle quere dar á tradicional e popular festa de San Xoán da nosa cidade como polo atracción turística. Lembra a concelleira nacionalista que o San Xoán de Porto conta con moitas semellanzas en relación á nosa festae conta, tamén, cos mesmos protagonistas (lume, sardiñas, praia, mar, solsticio...).

 

Avia Veira reivindica o uso da lingua galega no San Xoán

Precisamente, en relación con esta iniciativa a edila nacionalista esíxelle á Concellaría de Emprego e Turismo que use a lingua galega na promoción da festa de San Xoán, dado que todos os cartaces colgados ao longo da cidade están redactados en español. Así, solicítalle á Sra. Cid que cumpra coa lexislación vixente en materia lingüística e que deixe de discriminar o galego.

Pola outra banda, Avia Veira reproba a campaña de promoción e o deseño das festas de San Xoán. En relación ás bandeirolas, a concelleira nacionalista faise eco da apreciación da meirande parte das habitantes da Coruña e advirte de que non ten sentido que se promova o propio San Xoán na nosa cidade, cando non precisa de ningún efecto chamada para ter éxito. Ademais, sinala que o programa de festas de San Xoán interrompe máis do que impulsa, xa que intervén e impón elementos alleos a unha festa popular que non necesita de toda a parafernalia organizada polo Goberno municipal e que, para máis, supón un dispendio de cartos públicos.

O BNG reivindica lazos de unión entre A Coruña e Porto polo San Xoán