O BNG reivindica o dereito a unha vida digna no Día da Clase Obreira Galega

O BNG reivindica o dereito a unha vida digna no Día da Clase Obreira Galega

A Coruña, 10 de marzo de 2015- Con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, o BNG da comarca da Coruña reivindica o dereito da veciñanza a ter unha vida digna. O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, salienta que “queremos vivir e traballar dignamente na nosa terra, algo cada día máis difícil nunha Galiza na que ter emprego xa non garante estar fóra da pobreza e da exclusión exclusión social e na que a emigración volve cebarse coa mocidade”.

O responsábel comarcal sinala que “a política de recortes non trouxo a recuperación, senón xustamente o contrario: máis desigualdade”. “Por iso, hoxe toca decidirmos entre o camiño dos recortes ou unha vida digna”, engade Carballada, quen critica que o PP “se atreva a inventar unha recuperación que non se ve por ningures”.

Nesta liña, o responsábel comarcal do Bloque denuncia que “as políticas destinadas a minorar o impacto da crise foron a escusa perfecta para o capital: espolio das caixas galegas, dos aforros e das pensións, roubo enerxético, privatización da sanidade, eliminación de gasto social e dos sectores produtivos ou destrución do medio físico”. “Sobre o balance para Galiza e para o pobo galego só falou o nacionalismo”, salienta.

Por último, Paulo Carballada fai fincapé en que “o BNG nunca dubida da capacidade de Galiza, pois somos un país rico e nunca nos cansaremos de pregoalo”. “Tamén lembramos sempre a semente heroica de Amador e Daniel e tantas persoas que por defender a súa dignidade sufriron a cadea, despedimentos e golpes”, afirma. O responsábel comarcal do BNG reivindica a soberanía “para asentar un país rico, democrático e próspero”.

O BNG participará na manifestación da CIG

Como cada ano, o BNG da comarca da Coruña participará na mobilización coa que conmemora a CIG o Día da Clase Obreira Galega. A manifestación, á que se adherirán representantes orgánicos e institucionais dos distintos concellos da comarca, partirá ás 20h da praza de Vigo.

O BNG reivindica o dereito a unha vida digna no Día da Clase Obreira Galega