O BNG reclama unha rebaixa no prezo dos billetes dos trens de media distancia

O BNG reclama unha rebaixa no prezo dos billetes dos trens de media distancia

A Coruña, 27 de xaneiro de 2013.- O BNG vén de rexistrar no Congreso e no Parlamento de Galiza unha serie de iniciativas por un servizo ferroviario público, barato e eficaz. E é que Renfe aumentou as tarifas dos media distancia nun 3% a principios de mes, un incremento que se suma á suba dos billetes provocada polo aumento do IVE no mes de setembro. Así, o prezo da viaxe A Coruña-Ferrol xa custa 5,90 euros, malia só contar con cinco frecuencias diarias e malia a duración do traxecto, 1h15m, case tanto como o AVE Madrid-Valencia.

A deputada Rosana Pérez considera que “dada a complicada situación económica non se deberían aprobar subas de ningún tipo nos billetes de tren” e aposta por que o Goberno estude desde unha perspectiva global a situación dos servizos de media distancia, especialmente nos territorios que non teñen servizos de cercanías”, é o caso da Coruña e da súa comarca. Lembra a parlamentar que Galiza “é das poucas autonomías que “non conta cunha rede ferroviaria de cercanías a pesar de ter máis poboación que outros territorios que desfrutan de servizos de cercanías”. De aí que o BNG insista en reclamar un servizo de proximidade que nos una coas vilas da comarca e con Ferrol en clave de axilidade, comodidade e prezos asequíbeis.

A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte, en risco de desaparecer

Pola outra banda, a nacionalista insta o Ministerio de Fomento a expór as previsións que manexa respecto dos servizos ferroviarios de media distancia en Galiza. E é que o real decreto 20/2012, que suporá a división de Renfe en catro empresas, conleva a privatización do tren e pon en risco liñas consideradas pola operadora como deficitarias, como podería ser o caso de A Coruña-Ferrol ou A Coruña-Monforte. Resulta máis que discutíbel, sinala Rosana Pérez, o criterio da eficiencia económica cando se ofrecen servizos obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e que fan fuxir os potenciais usuarios e usuarias.

Pola outra banda, a deputada no Parlamento de Galiza Ana Pontón rexistrou unha proposición non de lei sobre medidas urxentes destinadas ao impulso e modernización do ferrocarril. Na iniciativa, o BNG insta a Xunta a paralizar o proceso de desmantelamento e privatización dos servizos ferroviarios e negociar co Goberno central as transferencias nesta materia, tanto nos servizos prestados por RENFE como por Feve.

O BNG reclama unha rebaixa no prezo dos billetes dos trens de media distancia