O BNG reclama a limpeza, o mantemento e a conservación do dique de abrigo

O BNG reclama a limpeza, o mantemento e a conservación do dique de abrigo

A Coruña, 20 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar un rogo para que o Concello da Coruña inicie as xestións necesarias diante da Autoridade Portuaria para que execute os labores de limpeza, conservación, reposición de mobiliario, equipamentos... no espazo do dique de abrigo co fin de deter a degradación ambiental que está a padecer.

Na iniciativa, o concelleiro Xan Caxigal pon de manifesto que máis alá da función utilitaria para a que foi concibido e construído, o dique de abrigo segue a ser punto de referencia da cidadanía para a práctica da actividade física. Tamén salienta o miradoiro privilexiado desde o que contemplar a ría e unha importante obra de enxeñería. Porén, o nacionalista sinala que nos últimos tempos o dique de abrigo “é un triste exemplo de desleixo e abandono” por mor da inacción da Autoridade Portuaria nos labores de mantemento, limpeza e equipamentos.

Caxigal denuncia neste rogo a carencia de equipamentos urbanos básicos (como papeleiras, aseos e fontes) e a falta de reparación e de reposición de elementos como farois e bancos. “O inexistente ou deficiente servizo de limpeza fai que nun percorrido por este espazo poidamos ver maleza como nunca se viu, acumulación de refugallos orgánicos, cheiros, lixo acumulado...”, sinala o concelleiro.

“No caso que se acometeran unhas mínimas actuacións de posta en valor, é necesario manter uns labores mínimos de limpeza, aseo e mantemento, co fin de que non perda a súa humanidade, deixe de ser un espazo agradábel e unha visita recomendábel”, conclúe.

 

 

 

 

O BNG reclama a limpeza, o mantemento e a conservación do dique de abrigo