O BNG reclama a actuación do Goberno municipal ante a contaminación crecente no barrio dos Castros

O BNG reclama a actuación do Goberno municipal ante a contaminación crecente no barrio dos Castros

A Coruña, 24 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que actúe de inmediato e deixe de ser consentidor ante a contaminación crecente que sofre o barrio dos Castros. Precisamente, esta mañá, segundo o medidor da Autoridade Portuaria, que pode consultarse na seguinte ligazón http://cma.puertocoruna.com/intranet/instrumentacion/ControlEmisiones/ieCaptadorEmisiones.aspx, as partículas en suspensión PM 10 acadaron ás 10h os 116 ug/m3, cando o límite está fixado en 50 ug/m3 (segundo o real decreto 102-2011 os 50 ug/m3 non poderán superarse en máis de 35 ocasións por ano). Tamén onte, luns, ás 10h, se rexistraban 107 ug/m3.

As nacionalistas, que se fan eco da preocupación da asociación veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros, critican a pasividade do Goberno municipal ante os problemas de saúde que padecen os habitantes deste barrio por culpa da emisión de partículas en suspensión. Lamenta o BNG que o Goberno do Sr. Negreira prefira defender os intereses económicos da Autoridade Portuaria por riba do interese xeral da cidadanía.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que en varios días do pasado mes de xullo houbo un aumento moi perigoso deste tipo de partículas en que se sobrepasaron os valores límites diarios. Así, os datos da Autoridade Portuaria reflicten que en 7 días do mes de xullo se acadaron concentracións de PM10 por enriba do valor límite diario permitido. De feito, o 12 de xullo rexistrouse un pico de 395µ/m3, é dicir até 8 veces máis do máximo que permite a lei.

As nacionalistas están á espera da resposta do Goberno municipal á batería de preguntas escritas (achégase en documento xunto) presentadas pola concelleira María Xosé Bravo no mes de agosto para coñecer se prevé atallar os problemas de contaminación que padece os Castros.

O BNG reclama a actuación do Goberno municipal ante a contaminación crecente no barrio dos Castros