O BNG proporá no pleno promover a figura e obra de Rosalía e impulsar a lingua galega

O BNG proporá no pleno promover a figura e obra de Rosalía e impulsar a lingua galega

MX BRAVO E AVIAA Coruña, 22 de xaneiro de 2015- As concelleiras do BNG María Xosé Bravo e Avia Veira elixiron a rúa Príncipe, 3, é dicir, a casa na que morou Rosalía de Castro con Murguía e os seus fillos, para daren a coñecer ante os medios de comunicación a moción que o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno municipal do vindeiro luns para promover a obra rosaliana. A concelleira María Xosé Bravo explicou que o obxecto da moción, elaborada seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) pasa por que o Concello da Coruña emprenda e apoia a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen a veciñanza do Concello da Coruña ao longo do mes de febreiro.

María Xosé Bravo xulgou de interese promover, cando menos, as accións como pendurar nos balcóns das casas e das institucións bandeiras galegas pancartas con versos de Rosalía debuxados, procurar espazos para realizar graffitis e murais ou realizar lecturas públicas da obra rosaliana en lugares destacados do concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista. Tamén propuxo a concelleira do Bloque promover o coñecemento de actualizacións da obra rosaliana a través da música, o teatro, a literatura ou a danza, así como seminarios, mesas redondas e/ou conferencias sobre a súa obra e figura.

A concelleira do BNG, que lembrou que o 24 de febreiro de 2015 se cumpren 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro, puxo de manifesto que “é preciso difundirmos unha obra e un pensamento con forte vixencia na actualidade e que pode coadxuvar a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego”. Nesta liña, María Xosé Bravo definiu a Rosalía como unha escritora “radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o galego, hoxe especialmente ameazado”.

A concelleria do Bloque concluíu lembrando que Rosalía morou na Coruña entre 1870 e 1875. Así, despois de que Murguía fose nomeado director do Arquivo Xeral do Reino, a familia instalouse no número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla. Precisamente foi aquí onde veu ao mundo a súa quinta filla, Amara. Bravo leu entón un extracto dunha carta de Rosalía a Murguía, de 16 de decembro de 1861, na que dicía que “En Santiago vai un frío arrepiante e apareceu aos meus ollos tal cal o describín en Mauro. Xamais vin tanta soidade, tanta tristeza un ceo máis pálido. En troques, A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por ficar xa nela”.

O BNG insta o Pleno a apoiar as iniciativas e mobilizacións a prol do galego e a urxir a Xunta a mudar a súa política lingüística errada

Pola súa banda, a edila Avia Veira fixo fincapé na necesidade de solicitar o apoio do Pleno a todas as iniciativas e mobilizacións que se desenvolvan ao longo do mes de febreiro para reivindicar o futuro do noso idioma e a activación de medidas a prol do seu uso en todos os ámbitos. Na mesma liña, instou o Goberno do Sr. Negreira a solicitarlle á Xunta de Galiza unha mudanza na política lingüística errada desenvolvida até o momento, retomar o consenso e promover, nun prazo máximo de seis meses, mudanzas lexislativas substanciais guiadas pola activación de políticas lingüísticas a prol do galego.

“Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da obra Rosaliana é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas”, salientou Avia Veira. A concelleira nacionalista subliñou a importancia de que o Pleno apoie esta moción tendo en conta o desprezo que amosa o Goberno do Sr. Negreira cara a lingua galega.

A este respecto, a edila do Bloque denunciou que o Goberno local incumpre de maneira sistemática a xa de por si raquítica lexislación lingüística vixente. Citou casos como o a redacción das ordenanzas municipais só en castelán, a renuncia a non solicitar a subvención da Xunta para a promoción do galego ou o desmantelamento de todas aquelas actuacións consolidadas e encamiñadas a normalizar o galego. “O nivel de exclusión da nosa lingua que se dá no Concello da Coruña non se dá en ningunha outra urbe de Galiza, goberne quen gobernar”, concluíu Avia Veira.

O BNG proporá no pleno promover a figura e obra de Rosalía e impulsar a lingua galega