O BNG propón substituír as tubaxes como a rebentada da rolda de Outeiro

O BNG propón substituír as tubaxes como a rebentada da rolda de Outeiro

A Coruña, 23 de novembro de 2014.- Ante as roturas das tubaxes de auga que se están a producir estes días na cidade, as nacionalistas sinalan que A Coruña se está a converter nun campo minado, porque en calquera momento pode rebentar outra tubaxe. Para evitar este polvorín, o Grupo Municipal do BNG manifesta que ademais de reparar as que xa rebentaron, hai que substituír as tubaxes de idénticas características ás rebentadas. E para isto hai que investir todos os cartos que non se investiron durante os últimos anos por adicar os beneficios da empresa a outros “menesteres”.

O BNG advírtelle, por tanto, ao Sr. Negreira e á empresa municipal de Augas que non se trata só de arranxar as roturas de tubaxe e os fallos nas canalizacións, senón do que se trata, tamén, é de substituír todas aquelas tubaxes que sexan ou teñan as mesmas características (idade, material...) das que rebentaron.

Cómpre, por tanto, segundo as nacionalistas, investir en melloras e mantemento de infraestruturas da canalización do subministro da auga. Investimentos, estes, que durante estes últimos anos non se fixeron, dado que, denuncia o BNG, no canto de investir nestas actuacións necesarias para prestar un servizo de calidade, o que fixeron o Sr. Negreira e Emalcsa foi repartir os cuantiosos beneficios da suba do prezo da auga en dividendos e para outras actuacións que nada tiñan que ver co obxecto e a finalidade da empresa, que son sociais e non económicos.

Caos de tráfico na segunda fase de Elviña

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG advirte do caos de tráfico soportado na segunda fase de Elviña como consecuencia da rotura da tubaxe de Emalcsa na Rolda de Outeiro. As nacionalistas exíxenlle ao Goberno local que adopte medidas durante estes días para evitar os colapsos derivados do peche da incorporación a Alfonso Molina desde a Rolda de Outeiro.

O BNG propón substituír as tubaxes como a rebentada da rolda de Outeiro