O BNG presentará alegacións contra a cafetaría da Torre

O BNG presentará alegacións contra a cafetaría da Torre

A Coruña, 10 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG anuncia que presentará alegacións ao proxecto de mamotretiño-cafetaría do Goberno do Sr. Negreira para evitar o que as nacionalistas consideran un atentado manifesto á contorna de protección da Torre de Hércules. Ademais, o Bloque sinala que emprenderá unha campaña informativa para animar a veciñanza e mais a hostalaría a presentar as súas alegacións contra un proxecto que infrinxe o recollido no Plan Xeral en vigor, vulnera o Plan Especial de Protección da Torre de Hércules 1997 e desobedece as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.

As nacionalistas salientarán nas súas alegacións, entre outras cuestións, que tanto o PXOM en vigor como Patrimonio estabelecen a reordenación deses terreos mediante a supresión de volumes. O informe de Patrimonio recolle expresamente a “eliminación de los volúmenes y otros elementos construidos, tales como muros de cierre, que limitan el campo visual de percepción de la totalidad de la zona Core en la aproximación a la Torre”. Tamén a ficha do Plan Especial da Torre-PXOM 2013 advirte de que “se reordenarán as dotacións deportivas existentes, eliminando as construcións que afecten á contemplación da Torre de Hércules desde o Paseo Marítimo”. Deste xeito, o adefesio proposto polo Sr. Negreira, que segue sen aprobar o Plan de Protección previsto do PXOM, violaría o disposto polo Plan Xeral e por Patrimonio.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG exporá nas alegacións a contradición que representa a construción deste mamotretiño de 100 metros cadrados e de 4 metros de altura adosado ao frontón. Un frontón que, lembran as nacionalistas, o propio PXOM propón suprimir. É curioso como o informe técnico deste proxecto, que contempla unha concesión para a cafetaría de até 30 anos, nin sequera menciona o PXOM.

O BNG presentará alegacións contra a cafetaría da Torre