O BNG presenta unha iniciativa contra a circulación de coche en zonas peonís da Torre

O BNG presenta unha iniciativa contra a circulación de coche en zonas peonís da Torre

A Coruña, 4 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa para denunciar o incremento do tráfico e aparcadoiro nos viarios peonís da contorna da Torre de Hércules, nomeadamente, na pista que une a rotonda de Hércules ás Durmideiras, unha preocupación que xa lle manifestara a veciñanza ao grupo de barrio do BNG de Monte Alto. Nas últimas semanas, hai balizas nos extremos da citada pista con conos reflectantes; porén, non existe dispositivo policial ningún controlando os accesos e o aparcadoiro dos coches.

As nacionalistas advirten de que a conivencia do Goberno do Sr. Negreira cos vehículos na zona da Torre é tal que poden observarse continuas manobras de cambio de sentido e mesmo coches que invaden o carril bici e a beirarrúa. De feito, as viandantes mesmo teñen que parar para que pasen os coches por onde está prohibido.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG formúlalle ao Goberno do Sr. Negreira unha batería de preguntas para a súa resposta escrita. Así, pregunta que dispositivos ten planificados o Concello para o control dos vehículos que acceden a esa pista, como garante o Concello a seguridade das persoas que pasean ou corren pola pista, se ten pensado o Goberno algunha acción encamiñada a eliminar a entrada de vehículos neste viario e, de ser a resposta afirmativa, para cando se procederá á prohibición da entrada e aparcadoiro nesta zona.

O BNG presenta unha iniciativa contra a circulación de coche en zonas peonís da Torre