O BNG pídelle ao Sr. Negreira un cambio de actitude para pasar a potenciar os sectores produtivos

O BNG pídelle ao Sr. Negreira un cambio de actitude para pasar a potenciar os sectores produtivos

A Coruña, 26 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que os graves datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que revela que en só 3 meses se destruíron case 8.000 postos de traballo na cidade, deben facer reflexionar o alcalde e deben facelo cambiar radicalmente de rumbo. As nacionalistas emprazan o Sr. Negreira a cambiar de actitude para que confíe nos sectores produtivos da cidade, que os hai, e os impulse. Só así, engaden, se poderá crear traballo de calidade nunha Coruña que semella unha fábrica de producir parados e paradas.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a abandonar o seu proxecto baseado no márketing para pasar a liderar unha política que promova e lle dea forza aos sectores estratéxicos que temos na cidade: ría do Burgo, área do emisario de Bens, actividades martítimo-pesqueiras, actividades portuarias, univerisadade, polígonos industriais… As nacionalistas salientan que A Coruña ten recursos e posibilidades para facerlle fronte aos terríbeis datos do desemprego. Só é necesario, indican, que o Goberno municipal acredite e aposte por eles.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que o primeiro paso consiste en que o alcalde emprace a Xunta e o Goberno central a corrixiren cadanseu orzamento, co fin de priorizar a creación de postos de traballo. Reivindica o BNG que Xunta e Estado inxecten cartos públicos para a rexeneración tanto da ría do Burgo como do emisario de Bens, máxime tendo en conta que o abandono das Administracións provocou que en apenas dúas décadas se perderan 2.000 postos de traballo na ría, e para o polígono industrial de Morás, na medida en que A Coruña e a comarca perden empregos na industria a pasos de xigante e estanse a converter nun deserto industrial. Ademais, as nacionalistas ven preciso que se dote dunha cantidade suficiente a conexión ferroviaria do porto exterior, xa que só así poderá funcionar con normalidade e poderá ser un revulsivo económico.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que só apostando polos sectores produtivos poderemos rachar cuns datos da EPA catastróficos para A Coruña. Lembra o BNG que, segundo estas cifras, o paro na nosa cidade non seguiu o mesmo comportamento que na provincia nin que no resto do país, onde descendeu debido aos traballos estacionais. O grave é que na nosa cidade nin sequera a época estival axudou a crear postos de traballo, todo o contrario, se destruíron unha media de 88 postos de traballo cada día.

O BNG pídelle ao Sr. Negreira un cambio de actitude para pasar a potenciar os sectores produtivos