O BNG pedirá converter o Aventura Park dos Rosales nun local para usos sociais

O BNG pedirá converter o Aventura Park dos Rosales nun local para usos sociais

A Coruña, 21 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira visitou o barrio dos Rosales, acompañada da Directiva da asociación veciñal, que lle trasladou ao Grupo Municipal do BNG as demandas máis repetidas no barrio. Así, a edila nacionalista trasladaralle ao Goberno municipal no Pleno ordinario de xullo a necesidade de converter o local do Aventura Park nun espazo para usos sociais, concretamente, para a mocidade, unha proposta que xa recolleran as nacionalistas no programa co que concorreron ás eleccións municipais.

Ademais, Avia Veira reclamará que se axeite un camiño de acceso por Simón Bolívar cara á Igrexa e mais cara ao Centro de Saúde, un carreiro que a día de hoxe presenta un estado lamentábel, ateigado de lama, que lle fai imposíbel o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Outra das demandas recollidas pola nacionalista é a necesidade de sinalizar, correctamente, as obras que se están a acometer en Manuel Azaña.

Alén disto, a asociación veciñal trasladoulle á concelleira do BNG as queixas das persoas invidentes, con problemas para camiñar polo barrio. E é que nas losetas vermellas da zona de transición da beirarrúa cara á calzada, que o Concello está a colocar na actualidade, engánchanselles os bastóns e mancan os viandantes ao camiñar. Avia Veira emprazará o Goberno municipal a amañar, de urxencia, este problema de accesibilidade.

Ademais, a concelleira do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira por que non se aproveitan as obras que se están a acometer nos Rosales para separar máis as paradas dos buses e os pasos de peóns, xa que, tal e como están situados na actualidade, provocan falta de visibilidade aos condutores dos vehículos e provocan inseguridade nos viandantes.

Avia Veira critica que o PP excluíra a comunidade educativa á hora de lles presentar os plans de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán

Boa parte da xuntanza coa Directiva da asociación de veciños centrouse na ampliación do edificio do CEIP Emilia Pardo Bazán, unha ampliación, salientou Avia Veira, que non vai conlevar un aumento das prazas dispoñíbeis no centro, senón que, basicamente, consistirá nunha actuación de reforma. A nacionalista recolleu as protestas da veciñanza por non presentarlles os planos da ampliación do edificio ao conxunto das veciñas e mais a toda a comunidade educativa.

Por último, a concelleira do BNG sinalou que a obra chega tarde, dado o atraso histórico dunhas obras reclamadas desde hai anos pola comunidade educativa e pola veciñanza dos Rosais.

O BNG pedirá converter o Aventura Park dos Rosales nun local para usos sociais