O BNG leva os recortes do CSC do Barrio das Flores ao Parlamento

O BNG leva os recortes do CSC do Barrio das Flores ao Parlamento

Jorquera e Carril nunha manifestación

A Coruña, 26 de xaneiro de 2014.- O BNG, a través do seu portavoz parlamentar Francisco Joquera e da deputada Carme Adán, vén de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de preguntas sobre o recorte de servizos que sufriu o Centro Sociocomunitario do Barrio das Flores, despois de que a Xunta de Galiza (que xestiona o centro) deixara as persoas usuarias sen os servizos de atención médica e sanitaria (prestados por un médico e un ATS).

Así, Jorquera e Adán pregúntanlle á Xunta de Galiza se vai reconsiderar a supresión dos servizos de atención médica e técnico sanitaria, se ten previsto garantir o mantemento dos servizos da cafetaría e comedor e se a supresión de servizos que se prestaban no centro responden á intención da Xunta de Galiza de desemantelar este centro. Ademais, o BNG tamén se interesa polo atraso no inicio das actividades neste equipamento sociocomunitario. E é que a iniciativa se fai eco das protestas dun grupo de persoas usuarias polo atraso, practicamente dun mes, do inicio das actividades.

O BNG sinala nas iniciativas que un dos obxectivos das políticas dirixidas ás persoas maiores debe ser a calidade de vida, sendo activas física, social e mentalmente, maximizando así as oportunidades de benestar físico, psíquico e social, durante toda a vida. De aí que o Bloque aposte polos servizos públicos e sociais, entendendo estes como recursos que lles permitan ás persoas maiores seguir activas e permanecer na súa contorna. É aquí onde se encadran os centros sociocomunitarios da Xunta de Galiza e o sentido da súa actividade, salientan Jorquera e Adán na exposición de motivos das iniciativas.

O BNG leva os recortes do CSC do Barrio das Flores ao Parlamento