O BNG leva ao Parlamento galego e aos Concellos da Coruña e Betanzos os despidos de Emesa

O BNG leva ao Parlamento galego e aos Concellos da Coruña e Betanzos os despidos de Emesa

EmesaA Coruña, 17 de decembro de 2013.- O reponsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e os portavoces do BNG nos concellos da Coruña e de Betanzos, Xosé Manuel Carril e Henrique del Río, reuníronse na mañá de hoxe co Comité de Empresa de EMESA, que lles trasladou a difícil situación en que se atopan. E é que a empresa puxo en marcha o proceso para un despedimento colectivo que lle afecta a 46 traballadores e para aplicar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afecta a outros 59 traballadores.

En rolda de prensa posterior á reunión, Xosé Manuel Carril anunciou a presentación dunha moción no Concello da Coruña e no de Betanzos (achégase xunto á nota de prensa) e mais a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza ao respecto. Carril explicou que as iniciativas do Bloque, presentadas a petición dos propios traballadores, reclaman: amosar o apoio das institucións ás reivindicacións do Comité de Empresa de Emesa; instar a Dirección e Consello de Administración da empresa a paralizar o despido colectivo en marcha e mais o ERTE e a que se garanta a carga de traballo da factoría; instar a Xunta de Galiza a que adopte as medidas necesarias para garantir os postos de traballo da factoría e instar a Xunta de Galiza e ao Goberno central a que se liciten as obras públicas comprometidas e pendentes para que a empresa poida optar aos concursos.

Por último, Carril sinalou que o claro proceso de desertización industrial que sofren A Coruña e a comarca “trae causa da falta de iniciativa dos poderes públicos en reactivar e defender os sectores produtivos e industriais”. Afirmou que as únicas políticas que se adoptan desde as Administracións gobernadas polo PP van na liña de “acabar co que nos queda e de acometer reformas laborais que facilitan o ánimo de exterminio do persoal das empresas”. “En EMESA, dáse unha progresiva diminución do persoal propio e vaise incrementando persoal externo a través das ETT, utilizando o propio cadro de persoal como un acordeón que estira e reduce, algo que permite a reforma laboral”, engadiu.

Pola súa banda, o responsábel comarcal do BNG denunciou que a pretensión da empresa “encobre un despedimento selectivo” e que “precarizará o traballo e diminuirá a carga social da empresa”. “De seguir adiante a empresa con estes despedimentos, a comarca da Coruña ficará máis orfa de tecido industrial”, sinalou Paulo Carballada. Na mesma liña, Henrique del Río salientou que Betanzos e Bergondo se atopan á cabeza na destrución de postos de traballo na comarca e afirmou que o conflito laboral creado por EMESA “non é ningunha casualidade, pois responde á política da empresa de continuos recortes de persoal e ás reformas laborais”. O portavoz do BNG en Betanzos chamou as institucións a tomar partido, como fai o Bloque, e a actuar para loitar contra a destrución de emprego.

O Comité de Empresa denuncia que EMESA despediu traballadores que despois contratou a través de ETT e critica que, malia os despedimentos previstos, a empresa lles pediu aos empregados facer horas extras a pasada fin de semana e no nadal

DSC_5454Pola súa banda, o secretario do Comité de Empresa, Juan Naveira, lembrou que en 2008 traballaban en EMESA 300 traballadores e que, de prosperar o despedimento colectivo e mais o ERTE, a planta ficaría agora con só 73 traballadores, menos do 25% do persoal que posuía daquela. Denunciou que a empresa reduce persoal propio á vez que contrata empregados desde ETT. Salientou que EMESA chegou a contratar a través de ETT ex traballadores seus. De feito, aos poucos meses de que EMESA botara á rúa 86 traballadores en 2011, contratou 40 traballadores despedidos a través de ETT.

Ademais, criticou que EMESA queira despedir 46 traballadores e aplicar un ERE temporal a 59 traballadores cando na pasada fin de semana lles pediu aos empregados que fixeran horas extra e cando anunciou a necesidade de que traballasen máis horas extra durante o nadal. Tamén revelou que a empresa non ten sequera un plan de viabilidade que garanta o futuro e denunciou que o Grupo Isolux Corsán, do que forma parte, non lle facilita carga de traballo a EMESA e derive esas obras a empresas alleas ao grupo. Puxo como exemplo o caso das obras do CHUAC, un traballo que, polas súas característas (elaborado metálico) podería realizar perfectamente EMESA.

Por último, o representante dos traballadores chamou os poderes públicos a apoiar estas iniciativas no Concello da Coruña, no Concello de Betanzos e no Parlamento de Galiza e insistiu na necesidade de que as administracións públicas lle dean traballo ás empresas galegas e non ás de fóra do país.

O BNG leva ao Parlamento galego e aos Concellos da Coruña e Betanzos os despidos de Emesa