O BNG lamenta os enganos do alcalde sobre o remate da terceira rolda

O BNG lamenta os enganos do alcalde sobre o remate da terceira rolda

A Coruña, 15 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta os enganos do Sr. Negreira en relación ao prazo de remate da AC-14, terceira rolda, unha infraestrutura castigada polos recortes do Partido Popular. Tal e como vén de confirmar a Xunta de Galiza, o viario non estará finalizado até “abril ou maio de 2015”, cando, segundo o propio alcalde, a terceira rolda ía finalizarse este mesmo 2013.

En declaracións aos medios en xaneiro de 2012, o Sr. Negreira asegurara que a terceira rolda estaría “plenamente operativa” no último trimestre de 2013. Avanzado o 2012, o alcalde rectificou o prazo e apuntou ao 2014 como ano de finalización da terceira rolda. Mesmo a finais de 2012, e malia saber que os últimos orzamentos xerais do Estado inclúan previsións de gasto para o 2015, teimou en que a terceira rolda estaría operativa en 2014.

Obras faraónicas á vez que o PP lle dá o tiro de gracia ao tren

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que en materia de mobilidade o Partido Popular retrocede. As nacionalistas aluden á evaporación, como por arte de maxia, do metro lixeiro no discurso do PP, cando foi a súa proposta estrela durante a campaña das municipais e cando se levan gastados máis de 1 millón de euros en estudos. Advirten, tamén, da falta de compromiso coa conexión de Alvedro coa AP9, enlace que queda en nada, e do colapso do centro da cidade dado o estabelecemento da chamada vía prioritaria e a reordenación das liñas do bus.

Por último, o Grupo Municipal do BNG lamenta o destino de cartos públicos a obras faraónicas mentres o Partido Popular lle vai dar o tiro de gracia ao tren, coa privatización de Renfe e a eliminación de liñas ferroviarias. As nacionalistas comparan os 300 millóns que custará a terceira rolda co aforro que suporía darlle servizo aos camiños de ferro en desuso.

O BNG lamenta os enganos do alcalde sobre o remate da terceira rolda