O BNG insiste na necesidade de revisar a concesión do guindastre e da ORA

O BNG insiste na necesidade de revisar a concesión do guindastre e da ORA

A Coruña, 28 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG chama a atención sobre a renuncia do Goberno do Sr. Negreira a reducir as perdas xeradas pola ORA e do guindastre e a que xustifique este desleixo apelando a que se trata dun servizo público, dicindo que é un gasto que é necesario facer e que non pode xestionarse con criterios económicos. Lembran as nacionalistas que o Goberno municipal se comprometera a que a empresa diminuíra as perdas.

As nacionalistas critican a dupla vara de medir do Goberno do Sr. Negreira coa ORA e o guindastre, para os que non escatima cartos, e con servizos tan básicos como a auga ou a axuda a domicilio. Así, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira encarecera tanto o recibo da auga, necesidade básica do pobo, comezara a cobrar pola axuda a domicilio e iniciara o desmantelamento dos servizos sociais, baseándose nun modelo de rendibilidade económica e non social, ao contrario do que acontece coa ORA e co guindastre.

Unha vez máis, evidénciase que o Goberno municipal non ten reparo ningún en seguir beneficiando as empresas en detrimento do propio pobo, máxime no caso da ORA e do guindastre, cando ficou máis que acreditado que a concesión supón unha ruína para o Concello.

Precisamente, as nacionalistas teñen denunciado, en reiteradas ocasións, das condicións leoninas desta concesión, grazas á que recolle substanciosos beneficios a empresa. De feito, desde que o Grupo Municipal do BNG tivo acceso aos datos liquidación desta concesión correspondente ao período decembro 2010 a setembro de 2011 (liquidación aprobada en Xunta de Goberno Local o 2 de decembro de 2011) as nacionalistas apelaron á necesidade de recuperar o que denuncian como unha ruína para o pobo. Así, reclamaron repetidas veces, mesmo a través dunha moción en Pleno en outubro de 2012, a revisión da concesión, recibindo, sempre, como resposta o “non” do Goberno do Sr. Negreira.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que, en tres anos e medio, a ORA e o guindastre supuxéronlle ao Concello unha perda de 2.272.049,19 euros. As nacionalistas consideran unha irresponsabilidade non revisar unha concesión que, cando se outorgou no 2005, se fixo coa previsión de obter excedentes. Lembran que a lexislación aplicábel permite a fiscalización por parte do Concello da actuación da concesionaria.

O BNG insiste na necesidade de revisar a concesión do guindastre e da ORA