O BNG exíxelle a Negreira que faga público o PMUS para coñecer as medidas para a Cidade Vella

O BNG exíxelle a Negreira que faga público o PMUS para coñecer as medidas para a Cidade Vella

A Coruña, 1 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG  exíxelle ao Sr. Negreira que faga público xa o documento íntegro do PMUS para coñecer, entre outras cousas, cales son as medidas de mobilidade para a Cidade Vella. As nacionalistas exíxenllo tendo en conta que o Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e da Pescaría aprobado inicialmente facía unha serie de consideracións en materia de mobilidade e tráfico que non eran vinculantes e remitían precisamente ao PMUS.

Así no PEPRI aprobado inicialmente, sinalan as nacionalistas, recóllese como alternativa á ocupación masiva do espazo público polo vehículo privado os aparcadoiros privados de pago e isto preténdese materializar a través da circulación viaria, aproveitando o vial subterráneo do Parrote e da Mariña. Alén disto, o PEPRI recolle unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria coa eliminación de prazas en superficie e coa ampliación da ORA  á Cidade Vella, derivando así, as persoas aos aparcadoiros privados, sinaladamente aos soterrados de nova creación como o do Parrote.

O resumo executivo do PMUS comparte a mesma filosofía de aposta pola ampliación da ORA en superficie e o fomento do uso dos aparcadoiros soterrados de pago. E no resumo recóllese unha mención expresa ao Casco Histórico na súa páxina 13 cando afirma literalmente “también se van a desarrollar acciones para cuidar nuestro Casco Histórico, reduciendo la presencia de vehículos de manera gradual y consensuada, para garantizar un espacio de calidad que fomente el comercio local y la calidad de vida”. E faino precisamente no apartado específico de estacionamento onde se fala da ampliación da ORA e da optimización do uso dos aparcadoiros soterrados.

Ante isto, e lembrando o que recolle a memoria da aprobación inicial do PEPRI na súa páxina 31 en que sinalaba que “las consideraciones de movilidad y tráfico de la RyA PEPRI tienen sólo carácter indicativo como propuesta a ser discutida en el ámbito del PMUS, con lo que no es vinculante”, o BNG exíxelle ao Goberno local que faga público de inmediato o documento íntegro para coñecer, entre outras cousas, cales son as medidas de mobilidade para a Cidade Vella, porque polo de agora só se coñece o seu resumo executivo.

O BNG exíxelle a Negreira que faga público o PMUS para coñecer as medidas para a Cidade Vella