O BNG exixe un cambio radical na limpeza das rúas, que é moi deficiente

O BNG exixe un cambio radical na limpeza das rúas, que é moi deficiente

A Coruña, 17 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a exixirlle á concesionaria da limpeza e mantemento de rúas que dote o servizo de persoal e de maquinaria suficiente, despois de que as nacionalistas tivesen coñecemento de que no último trimestre a empresa non cubriu nin as baixas laborais nin as vacacións dos e das traballadores do servizo de limpeza. E isto, advirte o Bloque, malia coincidir cunha das épocas máis complicadas do ano: o outono (coa caída da follaxe das árbores).

O Grupo Municipal do BNG, que considera moi deficiente a política de limpeza do Goberno do Sr. Negreira, faise eco das queixas e molestias expresadas pola veciñanza dos barrios, preocupada pola sucidade das rúas e dos colectores do lixo, que en moitas zonas nin sequera se baleiran todos os días. Precisamente, máis do 40% das reclamacións presentadas no informe do SeR de 2013 son relativas á Concellaría de Medio Ambiente, onde as queixas pola sucidade son cotiás.

En zonas da cidade o servizo de limpeza, no canto de ser diario, é semanal

Ademais, os veciños e veciñas quéixanse de que non se vexa persoal nin máquinas da limpeza máis alá da zona centro. Unha vez máis, denuncia o Bloque, o Goberno do Sr. Negreira dedica os recursos municipais ao centro, á súa cidade elitista e excluínte, no canto de destinalos a todos os barrios da cidade. A este respecto, as nacionalistas consideran inadmisíbel que haxa barrios da cidade en que a limpeza sexa, con sorte, semanal, no canto de diaria. É o caso das Xubias, entre outros barrios, onde poden verse bolsas de refugallos na rúa, vías sen varrer e sen fregar e colectores do lixo que desprenden cheiros. Esta situación provoca un deterioro importante do mantemento e do estado dos barrios.

 

O BNG exixe un cambio radical na limpeza das rúas, que é moi deficiente