O BNG emenda os orzamentos xerais do Estado e pide 5 millóns para a limpeza da ría do Burgo

O BNG emenda os orzamentos xerais do Estado e pide 5 millóns para a limpeza da ría do Burgo

12-09-24ConcentracionPlataformaBurgo.grande[1]A Coruña, 2 de novembro de 2014.- A iniciativa do BNG da Coruña, as parlamentares nacionalistas Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila veñen de presentar una emenda parcial aos orzamentos xerais do Estado co fin de consignar un total de 5 millóns de euros para o saneamento da ría do Burgo, toda vez que o Partido Popular volveu esquecer a ría nas contas de 2015 tanto do Estado como da Xunta de Galiza. Precisamente, o BNG da Coruña foi moi crítico coa decisión do PP de non destinar nin un só euro para a rexeneración da ría, acusando o Sr. Negreira e o seu partido de renunciar ao potencial da ría do Burgo como motor de reactivación económica e de creación de postos de traballo na comarca e na cidade e de abandonar e desprezar o colectivo de mariscadoras.

Con esta emenda, o Bloque Nacionalista Galego empraza o Partido Popular a reconsiderar a súa decisión de desamparar a ría do Burgo, na medida en que podería erixirse como un dos sectores económicos estratéxicos da Coruña de acometerse a tan esperada rexeneración. Neste sentido, o BNG reclámalle ao Partido Popular altura de miras para apostar polo potencial da ría do Burgo de cara a crear postos de traballo directos e indirectos.

Por enésima vez, foi o Bloque quen levou á política municipal a falta de investimento do Goberno estatal na ría a través da presentación dunha moción no último pleno ordinario, onde as nacionalistas reclamaban, amais dos 5 millóns de euros para o saneamento, acordar un calendario de actuacións, mediante a publicación de prazos reais no BOE e no DOG para o inicio do Plano de rexeneración da ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as actuacións para o seu saneamento integral. O BNG tamén solicitaba na moción unha actuación conxunta do Goberno galego e dos concellos da comarca da Coruña para lle reclamar ao Goberno central a corrección das deficiencias dos orzamentos xerais para 2015 e para que urxisen a desenvolver todas as actuacións precisas para a rexeneración e recuperación integral da ría do Burgo. Malia a importancia da ría do Burgo para a economía da cidade e da comarca, os concelleiros e concelleiras do PP impediron o debate da moción polo Pleno da Corporación municipal.

O BNG emenda os orzamentos xerais do Estado e pide 5 millóns para a limpeza da ría do Burgo