O BNG denuncia que só foron adxudicadas o 25% das hortas urbanas

O BNG denuncia que só foron adxudicadas o 25% das hortas urbanas

A Coruña, 8 de xaneiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que, segundo unha resolución da Xunta de Goberno Local de 31 de outubro, só 22 das 89 hortas foron adxudicadas a persoas solicitantes, é dicir o 24,71% das hortas dispoñíbeis. Alén destas, o Concello adxudicou dúas hortas á entidade veciñal de Novo Mesoiro e dúas máis para uso dos centros cívicos de Mesoiro e Feáns. Este nivel tan baixo de adxudicación de hortas revela o fracaso na xestión do Goberno do Sr. Negreira, que teima en facer unhas hortas de “pago”.

Así, as nacionalistas lembran que o baixo número de hortas solicitadas, 22 en total, débese a que o prezo das hortas urbanas resulta disuasorio. A Ordenanza Fiscal n.º43 estabelece como tarifa xeral de acceso ás hortas un total de 25 euros ao mes e unha cota de inscrición de 50 euros. Ademais, o Goberno do Sr. Negreira fixou esta mesma cota de inscrición de 50 euros para as persoas que acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM, que en 2014 está fixado en 530 euros ao mes. O BNG ten cualificado de inxusto e de ilóxico o cobro de 50 euros ás persoas con menos recursos, pois a esta cantidade hai que sumar outros gastos, como o do desprazamento até o lugar das hortas, a compra de sementes ou a de aparellos de labranza.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG salienta o feito de que non se presentara ningunha inscrición para o grupo IV, o reservado a mozos e mozas de entre 18-30 anos. Ás nacionalistas non lles estraña este dato tendo en conta o custo de 25 euros ao mes máis os 50 euros de cota de inscrición. E lembran que a mocidade é o sector de poboación que máis taxas de desemprego e emigración soporta.

O BNG denuncia que só foron adxudicadas o 25% das hortas urbanas