O BNG denuncia o desprezo do Goberno municipal ás bibliotecas na guía Cultour

O BNG denuncia o desprezo do Goberno municipal ás bibliotecas na guía Cultour

MX 1A Coruña, 14 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia o esquecemento clamoroso das bibliotecas municipais na guía Cultour. Esta publicación da Concellaría de Cultura recolle os espazos culturais da cidade en máis de 150 páxinas dedicadas a museos, teatros, salas de exposición... Inclúe desde a Cúpula do Monte de San Pedro até o espazo de asociación de artistas, mais nada di das bibliotecas municipais.

A concelleira nacionalista María Xosé Bravo advirte de que “para o PP as bibliotecas non son espazos culturais”. “Descoñece a concelleira de Cultura que esta cidade ten 11 bibliotecas públicas de acceso libre, das que 8 son municipais?”, sinala. “Demóstrase que para o PP son espazos culturais o COAG e o Museo Militar e non o son as bibliotecas”, denuncia.

Lembra a edila do BNG da relevancia da rede de bibliotecas da Coruña, que conta cada ano con máis de un millón de visitas, teñen máis de 100.000 socias (100.753 socias segundo a memoria de xestión municipal de 2012) e o club máis importante da cidade é o club de amigos da lectura. Engade o perto de millón de préstamos que se realizan cada ano nas bibliotecas e salienta o cadro de persoal de case un cento de persoas.

“É certo que a as bibliotecas da cidade nunca recibiron a visita da concelleira de Cultura, mais criamos que no camiño do terceiro mandato, a Sra. Fernández sabería que esta cidade conta coa mellor ferramenta para facer e ofrecer cultura co persoal máis preparado”, apunta. “No BNG entendemos que a lectura está estreitamente vencellada á cultura e a todos os seus produtos, á información, á formación permanente, á participación, ao debate social, ao lecer... e todo isto é o que ofrecen as bibliotecas”, engade.

A guía non só esquece as bibliotecas, esquece o galego, Cántigas da Terra e Xacarandaina

Por último, amais do esquecemento das bibliotecas, María Xosé Bravo denuncia que a guía Cultour esquece a nosa lingua, xa que a edición en papel só está publicada en español. Tamén salienta a concelleira do BNG que no directorio recollido nas derradeiras páxinas da guía, que inclúe desde o teléfono ao enderezo de centros cívicos, a policía, a estación de autobuses e a casa da auga, alúdese ás bibliotecas, mais esquécese a biblioteca da Casa do Consulado, biblioteca pública ligada a unha Fundación e especializada na ilustración con auténticas xoias. Curiosamente, a edil de Cultura forma parte do seu padroado.

A edila do BNG denuncia que neste directorio aparecen asociacións culturais, mais fican no esquecemento entidades como Cántigas da Terra e Xacarandaina.

O BNG denuncia o desprezo do Goberno municipal ás bibliotecas na guía Cultour