O BNG denuncia os cambios de criterio do PP para seguir a ocultar as auditorías de Nostián

O BNG denuncia os cambios de criterio do PP para seguir a ocultar as auditorías de Nostián

A Coruña, 30 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG traslada as súas críticas respecto dos continuos cambios de criterio do Goberno do Sr. Negreira sobre as auditorías económica e técnica da planta de Nostián. Para o BNG trátase de burdas escusas para seguir a ocultarlle á cidadanía o resultado destas e para seguir favorecendo a concesionaria municipal, Albada.

O BNG chama a atención sobre o paradoxal das declaracións do concelleiro de Medio Ambiente que á vez que di que as auditorías “non conclúen nada” sinala que son unha ferramenta de traballo para “estabelecer a folla de ruta definitiva” para a planta. As nacionalistas esperan que o edil do PP non se refira con esta “folla de ruta definitiva” o cambio de modelo dunha planta de reciclaxe a unha planta de transferencia de refugallos, tal e como sospeita o BNG. Trataríase de pasar de apostar pola reciclaxe a pasar a apostar, de xeito indirecto, pola incineración.

O BNG considera lamentábel que o Goberno municipal utilice o conflito laboral de Nostián para seguir mantendo en secreto o resultado das auditorías

Pola outra banda, o BNG considera lamentábel que, para seguir mantendo agochados os resultados da auditoría, o Goberno municipal se escude no conflito laboral da planta de Nostián. A Concellaría de Medio Ambiente di esperar a que se resolva o conflito para estudar en profundidade as auditorías, cando, en primeiro lugar, o Goberno municipal posúe estes estudos desde moito antes do inicio da folga dos traballadores, paro que comezou o 28 de xullo, e, en segundo lugar, cando o papel do Goberno municipal no conflito é dun desleixo absoluto.

O BNG denuncia os cambios de criterio do PP para seguir a ocultar as auditorías de Nostián