O BNG denuncia o atraso nas obras do CEIP Emilia Pardo Bazán

O BNG denuncia o atraso nas obras do CEIP Emilia Pardo Bazán

MX 1A Coruña, 26 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia o atraso no inicio das obras do CEIP Emilia Pardo Bazán, un inicio que, segundo recollía a publicación no DOG do 31 maio do anuncio da licitación, tería lugar no mes de outubro. Porén, desde que o DOG publicou a licitación, nada se sabe do comezo das obras, nin sequera da súa adxudicación. Neste contexto, a concelleira nacionalista empraza o alcalde da Coruña a esixirlle á Xunta de Galiza a adxudicación, inmediata, das obras e o seu comezo.

O atraso, sinala a concelleira María Xosé Bravo, vén de lonxe, do 2011, cando o conselleiro de Educación insistía, nunha visita á cidade, en que a Xunta mantería o compromiso adquirido polo anterior goberno de ampliar o CEIP Emilia Pardo Bazán e que a Consellería faría un "esforzo" para empezar coas obras durante no primeiro semestre de 2011. Pasou 2011, 2012 e está a piques de finalizar 2013 e a Consellaría de Educación non comezou coas obras de ampliación do centro.

Neste contexto, o BNG denuncia que as obras non rematarían até 2015, no mellor dos casos. E é que a resolución que anuncia a licitación contempla que as obras de ampliación do CEIP durarán 12 meses. Isto significa, advirte Bravo, que o alumnado non podería facer uso da ampliación no inicio do curso escolar 2014-2015.

O PP tombou unha emenda parcial do BNG aos orzamentos galegos para dotar a ampliación do Emilia Pardo Bazán de 800.000 euros

Licitadas por un importe de 2.014.800,60 euros (cofinanciado polo FEDER nun 80%), os orzamentos galegos de 2014 recollen unha consignación de tan só 350.000 euros. Precisamente, o Partido Popular vén de tombar unha emenda parcial do BNG aos orzamentos galegos de 800.000 euros para a ampliación do Emilia Pardo Bazán.

O BNG denuncia o atraso nas obras do CEIP Emilia Pardo Bazán