O BNG denuncia que o aparcadoiro disuasorio de Lonzas non está recollido no PMUS

O BNG denuncia que o aparcadoiro disuasorio de Lonzas non está recollido no PMUS

A Coruña, 28 novembro de 2014- Unha vez consultado o expediente aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local sobre o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello da Coruña para a execución dun aparcadoiro disuasorio en Lonzas, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o citado apardoiro non aparece contemplado no PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel). No apartado do PMUS relativo ao desenvolvemento de aparcadoiros disuasorios recóllese que “antes de levar a cabo un desenvolvemento completo, proponse realizar unha proba piloto nunha das localizacións contempladas no Plan Sectorial de Aparcadoiros Disuasorios (PSAD) encargado pola Xunta de Galiza. O plan da Xunta contempla os aparcadoiros no Pavillón de Deportes de Riazor, en San Pedro de Visma, na fábrica de armas, no Coliseum, na Avenida da Pasaxe xunto ao colexio Sta. María del Mar, no Campus Universitario de Elviña, na Sardiñeira e na Estación ADIF San Cristovo.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pregúntase por que o Goberno do Sr. Negreira incumpre o seu propio PMUS, o Plan Sectorial de Aparcadoiros Disuasorios da Xunta de Galiza e inventa unha nova localización. Así, as nacionalistas cuestiónanse que intereses se agochan detrás desta improvisación. Tamén se incumpre o PMUS no que respecta ao custe aproximado do desenvolvemento de aparcadoiros disuasorios, xa que advirte dun custe próximo aos 800.000 euros e cando se prevé que só o de Lonzas custe 705.146,72 euros.

A Axencia Galega de Infraestruturas tampouco contemplaba o aparcadoiro disuasorio de Lonzas cando licitou a redacción do proxecto de construción de dous aparcadoiros disuasorios na cidade da Coruña

Ademais, o BNG salienta que a mesma Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou o 27 de xuño de 2014 a redacción do proxecto de construción da actuación de aparcadoiros disuasorios na cidade da Coruña en cuxos pregos de contratación non se aludía a ningún aparcadoiro en Lonzas, só se refería a un en San Pedro de Visma e a outro perto da Ponte Pasaxe.

O BNG denuncia que o aparcadoiro disuasorio de Lonzas non está recollido no PMUS