O BNG cualifica de "hipócrita" o Goberno do PP por reducir a partida de educación ambiental

O BNG cualifica de "hipócrita" o Goberno do PP por reducir a partida de educación ambiental

A Coruña, 3 de xuño de 2014.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de hipócrita o Goberno do Sr. Negreira por diminuír en 15.000 euros a partida de educación ambiental no modificativo de crédito que irá ao vindeiro pleno cando o Goberno Municipal aprobou no pasado mes de xaneiro a estratexia contra o cambio climático na que se salienta a educación ambiental como un dos seus motores.

As nacionalistas lembran que, para alén desta baixada, a partida de educación ambiental quedou cun remanente de 48.484,63 euros na liquidación do orzamento de 2013.

O BNG sinala que na Directiva marco de residuos de 2008 e os programas estatais de prevención de residuos tamén se refiren á centralidade da educación ambiental e afondan na necesidade de reforzar a educación e a información ambiental que caracterizan de imprescindíbel e en afirmar que a prevención é o obxectivo prioritario da planificación da xestión dos residuos.

“O Goberno municipal fala da participación activa e responsábel do pobo, de fomentar a recuperación e a reciclaxe dos residuos, da importancia da separación dos residuos en orixe, de impulsar un consumo sustentábel e da importancia de que a cidadanía sexa sensíbel a un consumo responsábel e a á reutilización mais parece que se esquece no momento de desenvolver accións educativas para que a cidadanía, sobre todo aquelas persoas máis novas, vaia integrando estes comportamentos na súa vida cotiá a través dos programas de educación ambiental”, conclúen as nacionalistas.

O BNG cualifica de "hipócrita" o Goberno do PP por reducir a partida de educación ambiental