O BNG critica que o Sr. Negreira dilapide máis de 250.000€ no poboado lapón

O BNG critica que o Sr. Negreira dilapide máis de 250.000€ no poboado lapón

A Coruña, 27 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica o disparo do gasto do Sr. Negreira no derradeiro poboado lapón do seu mandato, que, por vez primeira desde que o PP goberna na Coruña, traspasará a fronteira dos 250.000 euros. Para o BNG trátase dun gasto totalmente prescindíbel e que representa a opulencia na que vive instalado o Partido Popular á vez que a inmensa maioría do pobo vive, cada día, máis empobrecida.

As nacionalistas calculan que o poboado lapón superará este ano os 250.000 euros en base ás licitacións que veñen de facerse públicas no perfil do contratante do Concello da Coruña, que hoxe mesmo fai pública a licitación por valor de 108.000 euros do contrato de animación da “Laponia” que se instalará na praza de María Pita desde o 27 de novembro ao 2 de xaneiro. A estes 108.000 euros do contrato de animación hai que sumar os 114.950 euros polos que foi licitada a adecuación de María Pita e mais os 1.650 euros polos que se licitou o outorgamento de autorizacións de ocupación especial da praza con atraccións infantís e outros postos, ambos os dous contratos en proceso de valoración. En total, o importe de licitación dos tres contratos licitados suma 224.600 euros. Porén, aínda hai que engadir os gastos de publicidade -o ano pasado gastáronse 21.628,75 euros para 125 valados exteriores- e a seguridade –cuxo gasto foi de 12.576,35 euros o ano anterior-, amais doutros gastos variados.

O Grupo Municipal do BNG critica que, aínda por riba de tratarse dun gasto inútil, o Goberno do Sr. Negreira faga aumentar os gastos da animación nun 427,08% respecto do ano anterior en un 58,33% no caso da montaxe do poboado. Lembra o BNG que o ano pasado a animación custara 20.490,08 euros e que a adecuación da praza de María Pita custara 72.600 euros.

Un Nadal de luxo

As nacionalistas informan tamén de que vén de publicarse a licitación do contrato de animación por barrios durante o período de Nadal por valor de 70.000 euros, é dicir, a visita de papá noel por distintos barrios da cidade. En base ás prescricións técnicas, o papá noel e os seus acompañantes, visitarán 12 barrios, entre os que o Goberno do Sr. Negreira esquece Novo Mesoiro, o Barrio das Flores, Eirís, Bens, Palavea...

Dadas as licitacións que se veñen de coñecer, o Grupo Municipal do BNG augura que o Nadal de 2014 será o máis caro do goberno do Sr. Negreira. Lembran as nacionalistas que este dispendio terá lugar a tan só cinco meses das eleccións municipais.

 

O BNG critica que o Sr. Negreira dilapide máis de 250.000€ no poboado lapón