O BNG critica o dispendio de 70.000 euros para a dinamización da Agra de costas ao tecido asociativo

O BNG critica o dispendio de 70.000 euros para a dinamización da Agra de costas ao tecido asociativo

A Coruña, 25 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira malgaste un total de 71.279 euros para o denominado plan de dinamización social e cultural da Agra do Orzán, que se enmarca dentro da reprogramación do Urbana C. Este proxecto, que saíu a concurso mediante o procedemento negociado, caracterízase, fundamentalmente, por estar baleiro de contido, xa que nin sequera no prego de prescricións técnicas se detallan as actividades.

Este proxecto, en que se mesturan páxinas web, rede wifi, encontros de intercambios de ideas, talleres sobre música e paisaxes sonoros, concertos ou representacións performativas ou exposición física coa presentación de resultados, evidencia a falta de ideas do Goberno muncipal, que se empeña en pagarlle 71.279 euros a unha empresa para que dinamice o barrio durante cinco meses de costas ao tecido cultural e social da Agra do Orzán. Trátase, só, de actividades puntuais e non consolidadas que, en cinco meses, non van servir para dinamizar o barrio.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG esixe que os espazos públicos e as actividades sociais e culturais estean abertos á cidadanía e ao asociacionismo. Os nacionalistas entenden que este non é o modelo para revindicar o uso dos espazos públicos para a celebración de eventos culturais e locais.

O PP quita os cartos á veciñanza do barrio para llos dar a empresas

Pola outra banda, tamén en relación ao Urbana C, o Grupo Municipal do BNG lembra que o Goberno do Sr. Negreira suprimiu o millón de euros incialmente destinado a axudas directas ao comercio, hostalaría e talleres de automoción para destinar ese millón de euros a un proxecto vago de aulas online para buscar emprego.

Na mesma liña, os nacionalistas denuncian o malgasto doutros 70.000 euros cos que o Goberno municipal contratou a dedo a unha consultora para facer enquisas a comerciantes e veciños da Agra do Orzán.

O BNG critica o dispendio de 70.000 euros para a dinamización da Agra de costas ao tecido asociativo