O BNG e a CIG acusan o PP de conducirnos a unha sanidade máis cara e peor

María Xesús Seixo, responsábel comarcal da CIG Saúde, e María Xosé Bravo, concelleira
O BNG e a CIG acusan o PP de conducirnos a unha sanidade máis cara e peor

María Xosé Bravo, c@s representantes sindicais da CIG Saúde

A Coruña, 12 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG reuniuse na mañá de hoxe cunha representación da CIG Saúde para intercambiar opinións de cara a presentar iniciativas tanto no Concello como no Parlamento de Galiza contra o deterioramento constante ao que o PP somete a sanidade pública. Tanto a concelleira do BNG María Xosé Bravo como a responsábel comarcal da CIG Saúde acusaron o PP, coa escusa dun falso aforro, de levarnos cara a unha sanidade máis cara e de peor calidade, un proceso do que se benefician as empresas e as aseguradoras privadas.

En rolda de prensa posterior á xuntanza, María Xosé Bravo puxo de manifesto que a sanidade “deixou de ser universal polas medidas regresivas adoptadas polo PP, como o imposto á enfermidade que representa o copago” e anunciou a presentación dunha pregunta oral no vindeiro pleno municipal co fin de coñecer as previsións do Goberno do Sr. Negreira respecto do peche da planta de medicina interna do hospital Abente y Lago.

A concelleira nacionalista lembrou que o Sergas lle contestou ao BNG no Parlamento galego que non prevía abrir a planta de medicina interna. Porén, só dez días despois, abría 9 das 25 camas, mais por un tempo limitado. E é que os contratos do persoal sanitario adscrito a esas camas son de un mes, segundo revelou a edila do Bloque. Nesta liña, María Xosé Bravo expresou a necesidade de que o alcalde da Coruña lle esixa a Sanidade a apertura permanente desta planta de medicina interna.

María Xesús Seixo, responsábel comarcal da CIG Saúde, e María Xosé Bravo, concelleira

Amais da apertura completa da planta de medicina interna do Abente y Lago, María Xosé Bravo esixiu que se adopten as melloras necesarias para acabar co colapso das urxencias, co fin de que as e os doentes non esperen 48h sentadas nun sillón, como acontece con frecuencia. Tamén reclamou que non se deriven enfermos e enfermas cara á sanidade privada. Neste sentido, denunciou que centros privados da cidade e non o Sergas son os que están a elaborar as listas de espera en especialidades como Oftalmoloxía.

María Xosé Bravo tamén anunciou que o Bloque levará ao Parlamento os concertos e contratos-programa da Xunta de Galiza coa sanidade privada, co fin de coñecer canto nos custa a derivación de pacientes a hospitais privado, en que consisten e a que especialidades afectan. A concelleira do BNG finalizou a súa intervención reivindicando a protección da saúde como un dereito e advertiu de que estamos a xogarnos moito, máxime nun momento de crise en que os efectos do desemprego e o envellecemento poboacional provocan máis vulnerabilidade.

A CIG Saúde denuncia o escurantismo ao redor dos contratos-programa e concertos da Xunta cos hospitais privados

A responsábel comarcal da CIG Saúde, María Xesús Seixo, insistiu en denunciar a derivación de doentes á sanidade privada e denunciou o escurantismo da Xunta cos contratos-programa e concerto asinados cos centros hospitalarios privados. “Sabemos da derivación de pacientes porque afectan ás nosas familias, non porque a Xunta dea conta dela”, sinalou. Cualificou de anomalía a ocultación por parte do Sergas dos criterios que rexen estes convenios e o custo que nos supón.

María Xesús Seixo tamén denunciou a situación das urxencias do CHUAC, que funcionan ao límite e en que calquera pico provoca un caos. Precisamente, segundo revelou, ás 9h desta mañá había 13 persoas en padiolas entre as camas e advertiu de que van seguir entrando enfermos e enfermas todo o día. “É intolerábel ter doentes nestas condicións”, engadiu.

Ademais, a responsábel comarcal da CIG Saúde aludiu á liquidación do Plan de Mellora de Atención Primaria e á falta de medios sociais para atender os enfermos e enfermas. María Xesús Seixo reivindicou a necesidade de recursos dos servizos sociais para que as persoas doentes poidan estar correctamente atendidas no seu fogar.

O BNG e a CIG acusan o PP de conducirnos a unha sanidade máis cara e peor