O BNG chama a veciñanza a protestar por cobrárselles a taxa por unha reciclaxe inexistente

O BNG chama a veciñanza a protestar por cobrárselles a taxa por unha reciclaxe inexistente

A Coruña, 13 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG fai un chamamento á veciñanza para que proteste contra a fraude e a estafa social que padece o conxunto da cidadanía, xa que se lle está a cobrar a taxa pola reciclaxe e polo tratamento de residuos cando este servizo non existe. As nacionalistas, que lembran que a cantidade de refugallos que Albada recicla en Nostián non chega ao 5%, transmítenlles aos traballadores da planta de non-reciclaxe, que se atopan en folga desde o 28 de xullo, a súa solidariedade e apoio á loita exemplar en defensa dos dereitos laborais.

O Grupo Municipal do BNG denuncia a connivencia do alcalde cunha concesionaria municipal que recolle grandes beneficios por conta da cidadanía da Coruña e que pretende seguir incrementándoos por conta de recortes laborais. Lamentan as nacionalistas que o Sr. Negreira sexa cómplice de Albada á hora de empobrecer os traballadores do sector e á hora de saquear os petos da cidadanía ao cobrarlle un servizo que non se presta. En vez de posicionarse coa clase traballadora e coa veciñanza, o alcalde da Coruña agóchase detrás da empresa e tira de policías para escoltar os camións do lixo. É curioso que o alcalde que negou ter gardacostas, cando quedou probado que os ten, gaste cartos públicos en horas extra da policía para escoltar os camións da recollida do lixo.

As nacionalistas advírtenlle ao alcalde que a policía non vai resolver o conflito laboral creado por Albada, que pretende retrotraer as condicións dos empregados ás que tiñan cando se puxo en marcha Nostián e que, en materia de soldos, apenas chegaban ao Salario Mínimo Interprofesional. Así, o BNG demándalle ao Sr. Negreira que interceda na busca dunha solución porque non pode ser un mero espectador ante un problema cunha concesionaria municipal que lle está a roubar á cidadanía. Lembran as nacionalistas que as reivindicacións dos traballadores de Albada non supoñen un incremento adicional do custe deste servizo para o Concello de Santiago ao tratárense de manter os seus dereitos laborais.

O alcalde quere manter oculto o roubo de Albada á cidadanía

O BNG pon de manifesto que Albada incrementou a súa facturación en máis de 100.000 euros respecto do primeiro trimestre de 2012 e que o Grupo Urbaser, ao que pertence, recadou máis de 146 millóns de euros en beneficios. Ademais, as nacionalistas advirten de que o Goberno municipal segue a impedirlles o acceso ao resultado das auditorías económica e técnica, así como o acceso á planta de Nostián, unha mostra máis de que o alcalde quere manter oculto o roubo desta concesionaria á cidadanía.

 

O BNG chama a veciñanza a protestar por cobrárselles a taxa por unha reciclaxe inexistente