O BNG-Asembleas Abertas promoverán consultas á veciñanza e orzamentos participativos

O BNG-Asembleas Abertas promoverán consultas á veciñanza e orzamentos participativos

1. XoseA Coruña, 18 de maio de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas anuncia que desenvolverá políticas públicas desde o Concello da Coruña que nazan de consultas e de orzamentos participativos. Neste sentido, o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, pon de manifesto que ten que ser o pobo quen tome as decisións na medida en que o pobo é quen máis ordena.

Entre as actuacións recollidas no programa electoral, que foi elaborado, precisamente, coa participación veciñal –incorporáronse as propostas achegadas polos veciños e veciñas dos seguintes barrios- destaca a participación veciñal na elaboración do orzamento municipal como modelo de xestión pública. As persoas, explica Carril, participarán de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais, quen reivindica a transparencia no destino do gasto público.

Ademais, o BNG-Asembleas Abertas creará instrumentos e órganos de participación máis acaídos, tanto a nivel territorial como sectorial, asignándoselles competencias claras co compromiso de ter en consideración as recomendacións e as suxestións acordadas no seu seo. Os órganos de participación veciñal e sectorial que se crearen participarán na definición de planos de axuda, orzamentos e deseño dos pregos de cláusulas de contratación destas áreas.

Tamén participarán os veciños e as veciñas nos órganos municipais, nomeadamente no pleno. Precisamente, en función das temáticas e dos asuntos a tratar, as sesións plenarias desenvolveranse en horarios e lugares diferentes ao habitual para garantir a participación veciñal. A maiores, retransmitiranse en directo dos plenos a través da propia web do Concello da Coruña.

Outras das actuacións que acometerá o BNG-Asembleas Abertas será a utilización do mecanismo do referendo, e moito máis cando estean en cuestión decisións que impliquen mudanzas considerábeis para a vida colectiva, alén de garantir a participación da cidadanía na toma de decisións relevantes e no posicionamento político sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico na cidade. Na mesma liña, estabeleceranse consultas populares aproveitando os medios tecnolóxicos, mesmo para decidir gastos cun importe económico elevado.

O impulso do movemento asociativo; a confección dun regulamento para o uso dos centros cívicos e o traslado dos proxectos de obras públicas á veciñanza, ao pequeno e mediano comercio e á hostalaría afectadas son outras das propostas recollidas no programa electoral do BNG-Asembleas Abertas.

O BNG-Asembleas Abertas promoverán consultas á veciñanza e orzamentos participativos