O BNG apoia as demandas da Xunta de Persoal do CHUAC sobre o lamentábel servizo das Urxencias

O BNG apoia as demandas da Xunta de Persoal do CHUAC sobre o lamentábel servizo das Urxencias

A Coruña, 15 de xaneiro de 2015- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña transmítelle o seu apoio á Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña, que esta mañá presentou un escrito perante a Fiscalía co fin de que se investigue a situación na que se presta a atención asistencial no servizo das Urxencias do CHUAC. Para a formación nacionalista, a gravidade dos feitos denunciados polos traballadores e traballadoras é consecuencia ao desmantelamento da sanidade por parte do Partido Popular, un desmantelamento do que o Sr. Negreira é cómplice. Lembran as nacionalistas todas as mocións levadas a pleno en defensa da sanidade pública que foron tombadas polos membros do Goberno municipal.

O Bloque Nacionalista Galego comparte a necesidade de que se investiguen as condicións asistenciais que, tal e como advertiron os traballadores e traballadoras, poden supoñer un risco para a seguridade das persoas doentes. De feito, o BNG xa ten denunciado a masificación e o caos que se produce no servizo das Urxencias do CHUAC, así como o déficit de persoal no servizo. A Xunta de Persoal tamén denuncia a estrutura inaxeitada do espazo no que se atenden as persoas pacientes que, segundo os propios traballadores e traballadoras, non asegura a súa seguridade nin permite que se cumpran dereitos básicos como son o dereito á intimidade ou á confidencialidade.

Pola outra banda, o BNG lamenta que tanto Feijóo como o Sr. Negreira desoíran todas as chamadas ao diálogo e á negociación da Xunta de Persoal. Esgotadas todas as vías, os traballadores e traballadoras víronse na obriga de pedir amparo perante a Xustiza para velar polos pacientes.

Doentes amoreados nas Urxencias

Ademais, o BNG da Coruña tamén denuncia novos colapsos nas Urxencias debido á falta de camas para ingresos. Esta falta de camas provoca que as persoas doentes sexan amoradas no servizo das Urxencias á espera de seren derivadas ás camas. Isto ocorre cando o Abente y Lago ten camas pechadas que o Sergas se nega a abrir.

O BNG apoia as demandas da Xunta de Persoal do CHUAC sobre o lamentábel servizo das Urxencias