O BNG advirte de "estafa social" en Nostián e esíxelle ao alcalde a defensa dos postos de traballo

O BNG advirte de "estafa social" en Nostián e esíxelle ao alcalde a defensa dos postos de traballo

A Coruña, 10 de xullo de 2013.- Despois de participar na protesta dos traballadores de Albada na praza de María Pita, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e mais a concelleira María Xosé Bravo, reuníronse co Comité de Empresa, que lle trasladou a grave situación á que están a ser sometidos os traballadores, unha situación froito da actuación e xestión empresarial incompetente e ineficaz. Despois de despedir 11 empregados (8 deles foron botados á rúa no proceso de negociación do convenio), a empresa pretende unha redución do salario do 25%, o que representaría uns 500 euros ao mes por traballador, e o aumento das horas de traballo. Mentres tanto, a empresa e o grupo Urbaser, ao que pertence, colleitou no 2011 máis de 146 millóns de euros en beneficios e Albada aumenta a facturación do canon do lixo no primeiro trimestre de 2013 en máis de 100.000 euros respecto de 2012.

Carril e Bravo criticaron a indiferenza do Goberno municipal diante do despedimento destas 11 persoas e do conflito laboral creado dentro dunha planta que é unha concesión municipal. De aí que o Grupo Municipal do BNG, que acusa o alcalde de tomar parte pola empresa e non polos traballadores, emprace os responsábeis municipais a se involucrar na defensa dos dereitos laborais e do emprego en Nostián. Piden as nacionalistas que o Partido Popular deixe de ser cómplice da UTE e que deixe de permitir a desfeita no emprego, nos dereitos e nos servizos públicos.

A cidadanía paga cada vez máis cando a reciclaxe de lixo é practicamente nula

Durante a reunión, os traballadores transmitíronlles aos edís do BNG que o lixo que chega a planta non se trata como é debido e que apenas se recicla, de aí que os nacionalistas falen de “estafa social”. E é que a cidadanía da Coruña está a pagar, cada vez máis, por un servizo, o da reciclaxe, que non está a ter lugar. Dificilmente se van poder acadar as cotas de reciclaxe necesarias se hai menos persoas traballando na planta de residuos, advertiu o Comité, que alerta de que a empresa pretende un cambio de modelo da planta, para converter Albada nun centro de transferencias de residuos.

Carril e Bravo, que anunciaron o apoio do BNG aos traballadores e toda canta mobilización convoque o Comité de Empresa, lembraron durante a reunión que as nacionalistas seguen sen poder acceder á planta de reciclaxe, dada a negativa do Goberno municipal, e seguen sen poder coñecer o estado da planta de residuos de Nostián a través do Concello da Coruña, xa que o Goberno do Sr. Negreira segue a impedirlle o acceso ás auditorías económica e técnica para negociar ás agachadas coa empresa. O BNG, que só ten coñecemento do que acontece na planta a través dos traballadores, sempre insistiu en coñecer o resultado destas auditorías para ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados.

O BNG advirte de "estafa social" en Nostián e esíxelle ao alcalde a defensa dos postos de traballo