O BNG acusa o PP de poñerlle trabas @s solicitantes das bolsas de comedor

O BNG acusa o PP de poñerlle trabas @s solicitantes das bolsas de comedor

sopaA Coruña, 9 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de poñerlles excesivas trabas burocráticas ás persoas solicitantes das bolsas de comedores escolares. Precisamente, este venres, 11 de xullo, remata o prazo de rectificación da documentación que se ten que achegar xunto á solicitude de bolsas para o comedor escolar e polo de agora hai 1.449 solicitudes e só 490 bolsas concedidas, é dicir, un 33%. As 959 restantes ou foron denegadas ou están pendentes de achegar documentación.

O Grupo Municipal do BNG sinala que a concesión de bolsas se resolve no verán e tan só se lle dan aos pais e nais 11 días, do 1 de xullo ao 11 de xullo, para presentaren reclamacións contra a exclusión ou para presentaren a documentación que se lles solicita. Ademais, as nacionalistas quéixanse de que o Goberno do Sr. Negreira non lles envíe ningún aviso ás persoas que teñen que rectificar a documentación, xa que só é posíbel ter coñecemento do trámite a través da web do concello, dos rexistros municipais ou dos centros cívicos.

O Goberno do Sr. Negreira rexeita avisar por carta ás persoas cuxas solicitudes foron denegadas por ter que presentar documentación complementaria

As nacionalistas pedíronlle ao Goberno municipal, a través dunha iniciativa presentada no pleno de maio (achégase xunto á nota), que lle enviase un aviso ás persoas solicitantes para que puidesen saber que documentación tiñan que achegar. O Goberno municipal contestou que “tecnicamente, non se valora como a solución máis axeitada ao problema formulado”. E isto, advirte o BNG, a pesar de que o envío ordinario de cartas é de 0,38 céntimos –co que enviarlles cartas ás 959 familias con bolsas denegadas sairía en 364,42 euros- e o programa ten un orzamento de máis de medio millón de euros.

O Grupo Municipal do BNG teme que aconteza o dos últimos anos en que perto do 40% das solicitudes foron denegadas porque as persoas solicitantes non tiveron coñecemento da documentación que lles faltaba por achegar.

O BNG acusa o PP de poñerlle trabas @s solicitantes das bolsas de comedor