O BNG acusa o PP de abandonar os traballadores da fábrica de armas

O BNG acusa o PP de abandonar os traballadores da fábrica de armas

A Coruña, 8 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Partido Popular de abandonar, á súa sorte, os traballadores da fábrica de armas, dada a inacción do partido do Sr. Negreira nas distintas administracións. Ao pasotismo do PP no Goberno central, cuxos Ministerios de Industria e de Defensa son os principais acredores e financiadores de General Dynamics, súmase o desleixo da Xunta de Galiza, a cuxo presidente parece non importarlle que Galiza e a comarca da Coruña sufran o peche dunha nova empresa, aínda estándomos en camiño de nos converter nun deserto industrial.

O Grupo Municipal do BNG, que lamenta que General Dynamics cancelara a reunión de mañá cos traballadores, insiste en que hai capacidade para presionar a multinacional e que se trata dunha cuestión de vontade política. As nacionalistas consideran que o Sr. Negreira debería esixirlle aos seus compañeiros de partido traballar sen descanso para evitar o despedido de case 200 traballadores de Santa Bárbara na Coruña. A incompetencia do Partido Popular, engaden, está a provocar a discriminación da Coruña fronte a cidades como Palencia e Murcia, onde as autoridades tomaron cartas no asunto para resolveren a situación dos traballadores. De feito, a fábrica da nosa cidade é a única que pecha en todo o Estado.

O Grupo Municipal do BNG, que acusa o Partido Popular de mirar cara outro lado aínda sabendo que General Dynamics estaba a incumprir as condicións da venda da empresa pública Santa Bárbara, empraza o alcalde da Coruña a esixirlle a Xunta de Galiza o impulso da diversificación da produción, tendo en conta que o centro de traballo da Coruña conta con tecnoloxía punta para operar noutros campos que non sexa a produción de armas. Ademais, as nacionalistas insisten en que os traballadores contan con gran formación en I+D+i, unha formación adquirida, en moitas ocasións, a través de axudas públicas. Por último, o BNG insta o Goberno municipal que urxa a Xunta de Galiza a dar un paso adiante e se involucre no impulso dun plan industrial que fomente a diversificación e asegure os postos de traballo.

O BNG acusa o PP de abandonar os traballadores da fábrica de armas