O BNG acusa o Goberno municipal de mentir sobre o acceso ás hortas urbanas

O BNG acusa o Goberno municipal de mentir sobre o acceso ás hortas urbanas

A Coruña, 28 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira ben de mentir en relación aos criterios de acceso ás hortas urbanas. Ou ben o concelleiro de Medio Ambiente non le a propia documentación das hortas colgada na web municipal ou ben mente descaradamente ao garantir, en declaracións aos medios, que as hortas urbanas estarán abertos a toda a cidadanía.

Os nacionalistas aluden, así, ás informacións recollidas en diferentes medios en que o edil de Medio Ambiente garante que as hortas estarán abertas a toda a cidadanía e non só aos maiores de 65. E non é que diga o BNG que o cultivo estará limitado aos maiores de 65 anos, dino as cláusulas do contrato das "Hortas de Lecer".

Segundo as cláusulas do proxecto técnico, que, á vista das declaracións, o concelleiro non debeu de ler, o Goberno municipal impídelles o acceso ao cultivo ás persoas menores de 65 anos e das persoas en situación de desemprego, xa que só lle permitirá o uso ás persoas maiores de 65 anos e ás persoas xubilidas, renunciando así á relación interxeneracional da cidadanía da Coruña e deixando en papel mollado a moción aprobada en Pleno por unanimidade en xullo de 2012.

As persoas con menos recursos non poderán acceder ás hortas

Na mesma liña, os nacionalistas advirten de que as persoas non poderán acceder ás hortas urbanas, tal e como se demostra nas ordenanzas fiscais aprobadas inicialmente polo Goberno municipal. E é que a cota social "para gente que no tenga medios" á que se refire o concelleiro de Medio Ambiente nas declaracións aos medios.

Esta cota social, tal e como recollen as ordenanzas, será de aplicación a "aquelas persoas que, empadroadas no municipio da Coruña, acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM e exclusivamente para o número de hortas que, do total, se destinen a estas tarifas (nunca inferior a un 20% do total). A tal cota social será de 0 euros ao mes (fronte aos 25 euros ao mes da tarifa xeral) e de 50 euros por cota de inscrición (o mesmo importe por este concepto que na tarifa xeral).

O IPREM está fixado este 2012 en 7.455,14 euros ao ano no caso de ter 14 pagas ou en 6.390,13 euros ao ano no caso de ter 12 pagas. Isto significa que para acceder ao cultivo dunha horta as persoas deberían cobrar menos de 5.591,35 euros no caso de ter 14 pagas ou 4.792,59 no caso de ter 12 pagas. Os nacionalistas sinalan ao respecto de que as persoas que teñen estes ingresos anuais non poden permitirse pagar 50 euros para se incribiren nas hortas.

O Grupo Municipal do BNG aposta por unhas hortas municipais gratuítas, como é o caso das hortas de Santiago de Compostela. Pon de manifesto o BNG que as hortas impulsadas en Feáns por un movemento social custan 20 euros anuais, fronte aos 25 euros ao mensuais das hortas impulsadas polo Goberno do Sr. Negreira.

O BNG acusa o Goberno municipal de mentir sobre o acceso ás hortas urbanas