O BNG acudirá ao Tribunal de Contas para que actúe vistas as irregularidades de Someso

O BNG acudirá ao Tribunal de Contas para que actúe vistas as irregularidades de Someso

A Coruña, 15 de xaneiro de 2012.- O Goberno do Sr. Negreira non ten interese ningún en poñer en coñecemento do Tribunal de Cuentas todas as irregularidades advertidas no informe municipal, e determinantes, dunha lesión patrimonial ao Concello da Coruña. Por esta razón, será o propio Grupo Municipal do BNG quen supla o Goberno municipal e acuda ao Tribunal de Contas para defender os intereses da cidade da Coruña, que o Goberno do Sr. Negreira evita facer para non meterse nin con Paco Vázquez nin con Fontenla e demais promotores.

Do contido do informe municipal de 15 de xuño de 2012, constátase, con toda claridade, unha perda económica á facenda municipal, constitutiva dun suposto de responsabilidade contábel (arts. 38 e seguintes da Lei Orgánica 2/1982, de 12 de maio do Tribunal de Cuentas). Lesión patrimonial pola que se deberían depurar as responsabilidades que houber e dar lugar ao resarcimento do dano económico causado.

O Goberno municipal está obrigado, vista a existencia destas irregularidades, a pór os feitos en coñecemento do Tribunal de Cuentas. Actuar contra os responsábeis de todas estas irregularidades non é unha potestade, senón un deber do Goberno municipal de inescusábel cumprimento, na medida en que as todas as administracións públicas (e o Concello da Coruña éo) teñen a obriga de protexer e defender o seu patrimonio e de exerceren as accións necesarias para a defensa dos seus bens e intereses.

A verdadeira razón pola que o Goberno do Sr. Negreira non quere actuar neste sentido non é outra que silenciar os principais responsábeis e os principais beneficiarios desta desfeita urbanística. O Goberno municipal non quere reclamar que se lle devolva ao Concello da Coruña e a súa cidadanía os bens e dereitos que lle corresponden polos danos ocasionados en Someso. E non o quere facer para non afectar a Paco Vázquez, principal responsábel político desta desfeita urbanística, nin o Sr. Fontenla e demais promotores da Xunta de Compensación, principais beneficiarios.

Logo de esgotar as vías das iniciativas plenarias, sinaladamente a moción rexeitada no Pleno de onte polo PP, coa abstención do PSOE, o Grupo Municipal do BNG será quen poña os feitos en coñecemento do Tribunal de Cuentas. Para tales efectos, o BNG presentará a correspondente denuncia ante este Tribunal, dándolle traslado da documentación administrativa que recollen os expedientes e os informes municipais emitidos que formaron parte da documentación que se levou a Pleno o día de onte. Deste xeito, será o Grupo Municipal do BNG quen defenda os intereses da cidade, suplindo a inacción cómplice do Goberno municipal do Sr. Negreira.

O BNG acudirá ao Tribunal de Contas para que actúe vistas as irregularidades de Someso