Apostamos polo emprego coa promoción da actividade nos polígonos e coa revitalización do comercio

Apostamos polo emprego coa promoción da actividade nos polígonos e coa revitalización do comercio

A Coruña, 1 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, segue a debullar as medidas que implantará o BNG-Asembleas Abertas en materia de emprego e que veñen recollidas no programa electoral de #TodasAsCoruñas. O nacionalista aposta pola creación de postos de traballo a través da promoción da actividade sustentábel nos polígonos industriais e mediante a revitalización do comercio e da hostalaría.

No que respecta aos polígonos industriais, Carril aposta pola concentración de todas as competencias relativas aos polígonos industriais nunha soa concellaría, para os efectos de facilitar e de axilizar a xestión e a resolución de todas as súas necesidades. Ademais, o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas recolle unha vintena de propostas para os polígonos da Agrela, de Pocomaco e de Vío.

En canto ao comercio, o candidato do BNG-Asembleas Abertas avoga pola participación do pequeno e mediano comercio nas políticas municipais, coas consultas previas preceptivas por parte do Concello no deseño e na execución de todas as actuacións e intervencións municipais en que estea implicada a actividade do pequeno e mediano comercio; coa integración do pequeno e mediano comercio como actividade estratéxica a protexer e a dinamización nun plano de urbanismo e de mobilidade sustentábel e coa posta en marcha dun plano integral de apoio ao pequeno e ao mediano comercio atendendo á realidade en cada barrio.

Carril tamén aposta por promover a venda no pequeno e mediano comercio a través dunha normativa de baixos comerciais (complementaria e heteroxénea) orientada á procura da rexeneración do pequeno e do mediano comercio dos barrios en que se atopa; coa creación dun banco público de locais comerciais, incluíndo os baleiros e en desuso, para a súa oferta en réxime de aluguer controlado; o incentivo ás persoas propietarias dos baixos comerciais para que os oferten en réxime de aluguer accesíbel e gravando as persoas propietarias de baixos comerciais que permitan o deterioramento e abandono das súas propiedades, sempre coa finalidade de favorecer a súa posta en valor e uso por parte do pequeno e do mediano comercio. Propón, ademais, entre outras actuacións, políticas de bonificacións e exencións fiscais municipais nas actividades do pequeno e do mediano comercio e programas de formación, apoio, reforzo e dotación de medios ao pequeno e mediano comercio.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas salienta a necesidade de promover o consumo no pequeno e no mediano comercio como opción responsábel con medidas como as recollidas no programa. Refírese á realización de campañas municipais dirixidas á compra no pequeno e no mediano comercio como opción de consumo responsábel que garante a vitalidade dos barrios e dos espazos públicos tradicionais da nosa cidade; á elaboración dun plano de consumo no pequeno e no mediano comercio atendendo á realidade de cada barrio, que facilite e faga cómoda a compra nos seus estabelecementos con incentivos ás persoas que consuman en estabelecementos comerciais desta natureza ou ás intervencións municipais con apoio dos sectores implicados para estreitar directamente o consumo nos estabelecementos do pequeno e do mediano comercio co consumo nos estabelecementos da hostalaría dos nosos barrios e co turismo da nosa cidade.

 

Apostamos polo emprego coa promoción da actividade nos polígonos e coa revitalización do comercio