O acceso ferroviario e por estrada ao acceso exterior superpóñense

O acceso ferroviario e por estrada ao acceso exterior superpóñense

xose 2A Coruña, 24 de novembro de 2014.- O acceso ferroviario e o acceso por estrada ao porto exterior de Punta Langosteira superpóñense no polígono de Vío, provocando un caos na planificación que o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento terán que explicar se é intencionado ou non.

A proposta consensuada de conexión ferroviaria co Porto Exterior no Polígono de Vío

O Concello da Coruña e o Concello de Arteixo redactaron unha proposta alegación-consensuada, que presentaron a primeiros de outubro, que consistía nunha alternativa nova ás presentadas no Estudo informativo do acceso ferroviario ao Porto Exterior (achégase proposta dixitalizada). Dita proposta conecta directamente o porto exterior co Eixo Atlántico de Alta Velocidade na zona do polígono de Vío.

A proposta de conexión viaria co Porto Exterior no Polígono de Vío

O 14 de novembro a Xunta de Goberno Local aprobou o Plan especial de infraestruturas do vial de acceso ao Porto Exterior–Conexión AC-14 co límite no termo municipal de Arteixo que pasa polo polígono de Vío,dándolle, deste modo, saída ao propio polígono privado de Collazo e Jove. Esta estrada convencional, VG-1, forma parte da proposta do acceso por estrada ao porto exterior seleccionada polo Ministerio de Fomento para enlazar a AC-15 coa AC-14.

Caos na planificación das conexións ferroviaria e viaria co Porto Exterior

As nacionalistas salientan que dita proposta seleccionada polo Ministerio para o acceso viario ao Porto Exterior vai por unha superficie que coincide coa proposta-alegación de acceso ferroviario consensuada polo Concello da Coruña e o Concello de Arteixo. Ambas propostas, a do acceso ferroviario e a do acceso por estrada, coinciden no Polígono de Vío, superpoñéndose parcialmente.

O propio Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) púxoo recentemente de manifesto nun informe preceptivo e vinculante ao plan especial vial no que confirma que hai esa superposición entre os dous trazados.

As nacionalistas denuncian que tal supersposición provoca un caos na planificación e pregúntanse como o Concello e o Ministerio se poden plantexar un acceso viario por unha superficie que cadra coa proposta-alegación de acceso ferroviario consensuada hai pouco tempo entre o Sr. Negreira e o Sr. Calvelo.

Por tanto, manifesta o BNG, o Goberno do Partido Popular e o Ministerio terán que explicar se é intencionada, ou non, esta caótica planificación.

Convocatoria extraordinaria da Comisión de Urbanismo co fin de ditaminar as alegacións do Concello da Coruña ao proxecto de acceso por estrada ao Porto Exterior

O BNG solicítalle ao Goberno Local que proceda a convocar de xeito extraordinario a Comisión de Urbanismo coa finalidade de ditaminar as alegacións do Concello da Coruña ao proxecto de acceso por estrada ao Porto Exterior, visto que a proposta escollida só beneficia aos Sres. Jove e Collazo, propietarios do Polígono privado de Vío, e ao Ministerio de Fomento, e visto tamén que se trata dun acceso a un sistema xeral, como é o do Porto Exterior, a través dun viario secundario de un carril en cada dirección.

O acceso ferroviario e por estrada ao acceso exterior superpóñense