A Xunta non garante as necesarias reformas do CEIP San Pedro de Visma

A Xunta non garante as necesarias reformas do CEIP San Pedro de Visma

A Coruña, 9 de outubro de 2015.- A instancias do Grupo Municipal, o Grupo Parlamentario do BNG formulou onte na comisión de Educación e Cultura diversas preguntas orais relativas ás carencias que presenta do CEIP San Pedro de Visma.

En resposta ás preguntas do BNG na Comisión de Ensino, a Consellaría non garante acometer as necesarias obras de reforma no CEIP San Pedro de Visma

Estas deficiencias, que a ANPA ten denunciado publicamente, son tales como o arranxo do ximnasio semisoterrado, sen saída de emerxencia e con graves deficiencias en accesibilidade, con acceso por medio dunhas escaleiras de madeira, con columnas no mesmo e cun espazo demasiado cativo para o alumnado ou a propia accesibilidade ao centro que presenta graves problemas. O BNG preguntoulle á Xunta se é consciente destas deficiencias, se ten pensado atender as demandas da ANPA e se ten pensado acometer as melloras que necesita o centro, entre outras.

O BNG preguntou na Comisión de Educación e Cultura sobre as diversas carencias que presenta o colexio como arranxo do ximnasio semisoterrado sen saída de emerxencia e con graves deficiencias a respecto á accesibilidade ou a carencia de peche lateral do patio cuberto

Mais as respostas da Consellaría, por medio do secretario xeral Xesús Oitavén, non garanten que estas obras necesarias se vaian realizar. Amais, o secretario xeral só fixo referencia a que xa tiñan investido 174.000 € nunha rampla de accesibilidade, un parque, e os aseos do centro, e afirmou que o CEIP cumpre co regulamento do ano 2000. As nacionalistas lembráronlle que o CEIP é referente na atención de alumnado con problemas motrices e de discapacidade a da conseguinte necesidade de facer as obras oportunas para solucionar estes problemas de accesibilidade. O secretario xeral, en todo caso, limitouse a afirmar que no vindeiro ano a Xunta de Galiza consignará un orzamento dentro da partida RAM (Obras de Reforma Ampliación e Mellora de infraestruturas) para actuar en varios centros educativos da Coruña.

A Consellaría, a través do seu secretario xeral, afirmou que o vindeiro ano consignarán un orzamento dentro da partida RAM (Obras de Reforma Ampliación e Mellora de infraestruturas) para actuar en varios centros educativos da Coruña sen concretar se o CEIP San Pedro de Visma está entre eles

Deste xeito, as nacionalistas consideran que as demandas da ANPA quedan sen atender polo momento e que a Consellaría de Educación abandona as instalacións do CEIP San Pedro de Visma.

A Xunta non garante as necesarias reformas do CEIP San Pedro de Visma