PREGUNTA ORAL DE JORQUERA AO GOBERNO LOCAL

Villoslada non é quen de referir ningún paso concreto para constituír o Consorcio, clave para a condonación da débeda do porto

O Goberno Local non deu ningún paso concreto para constituír o Consorcio coas outras administracións públicas para a transformación do porto interior da Coruña, paso imprescindíbel para a condonación da débeda que pesa sobre a dársena coruñesa.
Villoslada non é quen de referir ningún paso concreto para constituír o Consorcio, clave para a condonación da débeda do porto

Esta é a conclusión que cabe tirar da resposta dada esta tarde, no Pleno da Corporación local, polo concelleiro de Urbanismo Juan Villoslada ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen o interpelara sobre os pasos dados polo Goberno Local para constituír o Consorcio.

Nos orzamentos do Estado para 2021 figura unha disposición adicional en virtude da cal a Administración central asume a débeda do porto de Valéncia, por volta de 400 millóns de euros, contraída pola adecuación das instalacións portuarias á realización de probas deportivas (Copa América e carreiras de F1).

A escusa que o Goberno do Estado pon para non condonar a débeda do porto coruñés é que no noso caso o déb¡to é da Autoridade Portuaria e non cun consorcio de administracións como sucede en Valéncia.

É por iso que ten a máxima importancia que o Goberno Local dea pasos na dirección da constitución desa entidade. A xulgar pola resposta de Villoslada até agora non se teñen dado.

“Non abonda coa creación dun grupo de traballo conxunto coa Autoridade Portuaria. Non abonda con interpelar a Autoridade Portuaria. Reuníronse coa Xunta de Galiza e o Goberno do Estado para constituír o Consorcio? Propuxéronlles a estas administracións a súa constitución?

A perguntas de Jorquera, Villoslada limitouse a dicir que o Goberno Local deu traslado á Autoridade Portuaria dun acordo plenario (setembro de 2019) en favor da constitución dun grupo de traballo conxunto Porto-Concello para abordar distintas cuestións, entre elas a débeda.

O problema é que a Autoridade Portuaria non mostrou interese na constitución dese grupo e a cuestión morreu aí, máis alá dalgunhas declaracións da alcaldesa á prensa.

“O problema, señor Villoslada, é que non abonda coa creación dese grupo de traballo. Non abonda con interpelar a Autoridade Portuaria”, di Jorquera e a seguir preguntou: “Reuníronse coa Xunta de Galiza e o Goberno central. Propuxéronlles a estas administracións a constitución do Consorcio?”. Villoslada deu a calada por resposta.

“No proxecto de orzamentos, o Estado asume novas débedas do Porto de Valéncia e a condonación ascende xa a 400 millóns. Esixan o mesmo trato coa Coruña. Esixan o acceso ferroviario. E dean pasos xa para constituír o consorcio”

“Non abonda con declaracións retóricas reclamando un trato xusto coa Coruña. Vostedes teñen que gobernar. Gobernar e liderar a cidade esixe concrecións e resultados. Demostrar con feitos a capacidade de interlocución con outras administracións e que si son capaces de se facer valer”, enfatizou Jorquera, quen tamén botou en falta presión política do Goberno Local para que o Estado non continúe a demorar a construción do acceso ferroviario a Punta Langosteira. “Non hai porto que poda funcionar sen conexión por camiños de ferro”, remarcou o voceiro nacionalista.

“No proxecto de orzamentos para 2021, o Estado asume novas débedas do porto de Valéncia e a condonación ascende xa a 400 millóns. Esixan o mesmo trato coa Coruña. Esixan o acceso ferroviario para Punta Langosteira. E dean pasos xa para constituír o consorcio”, concluíu.

 

Villoslada non é quen de referir ningún paso concreto para constituír o Consorcio, clave para a condonación da débeda do porto