Os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo non poden ser vendidos mentres non os desafecten

Os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo non poden ser vendidos mentres non os desafecten

A Coruña, 5 de novembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG advírtelle ao Presidente da Autoridade Portuaria de que os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo non poden ser vendidos mentres sigan formando parte do dominio público-portuario, ademais de denunciar que detrás da modificación substancial do Plan de utilización de espazos portuarios (PUEP) se encontran grandes operacións inmobiliarias, contempladas no propio PXOM do Sr. Negreira, que permite construír rañaceos de 9 andares na zona dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. As nacionalistas consideran que a nova delimitación de espazos e usos do porto da Coruña non está pensada nos intereses da cidade, senón nos intereses urbanísticos e económicos da propia Autoridade Portuaria e dos grandes promotores coa venda de terreos e a construción de edificios, mesmo coa posibilidade de facer uso de determinados edificios históricos en desuso para uso hoteleiro, que tamén é criticábel.

Os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo non poden ser vendidos, xa que, polo momento, seguen formando parte do dominio público-portuario

Logo do declarado onte polo Presidente da Autoridade Portuaria, as nacionalistas queren lembrarlle que os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo aínda non poden ser vendidos, xa que, polo momento, seguen formando parte do dominio público-portuario. Para que se poida proceder a súa enaxenación, tales terreos teñen que ser desafectados, ben excluíndoos do dominio público portuario con ocasión dunha modificación do plan de utilización (que non é o caso), ou ben a través dun acordo expreso de desafectación por parte do Ministerio de Fomento-Portos do Estado (que tampouco é o caso), debendo ter en conta, neste último caso, que o acordo de desafectación debe ser do Consello de Ministros cando o valor do ben sexa superior a 18 millóns de euros (artigo 45 da Lei de Portos do Estado e Marina Mercante, segundo o cal: "Cuando el valor venal del bien, determinado mediante tasación independiente, sea superior a 18.000.000 de euros su enajenación y las condiciones de la misma deberán ser autorizadas, además, por el Gobierno a propuesta del Ministro de Fomento").

O PXOM do Sr. Negreira e a nova delimitación de espazos e usos do Porto do Sr. Losada están feitos pensando nos intereses da Autoridade Portuaria e dos grandes promotores e construtores

A modificación do PUEP, publicada no BOE este luns, asígnalle á zona das explanadas dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo un uso mixto portuario comercial e non portuario vencellado á interacción porto-cidade, abríndose desta maneira a posibilidade de grandes operacións inmobiliarias. E así o contempla expresamente o PXOM aprobado polo Goberno Local do Sr. Negreira. Na ficha do Plan xeral para os peiraos de Calvo Sotelo e Batería PET Q23 permítese construír rañaceos de nove andares para usos terciario e terciario-hoteleiro.

Evidénciase, deste xeito, que tanto o PXOM do Sr. Negreira como a nova delimitación de espazos e usos do Porto do Sr. Losada non están pensados para os intereses da veciñanza da Coruña, senón para facer caixa con operacións inmobiliarias para interese da Autoridade Portuaria e dos grandes promotores e construtores. Mesmo o novo PUEP dá a posibilidade de que Autoridade Portuaria siga facendo moita máis caixa, despois da liberalización portuaria do Real Decreto-lei 8/2014, a través do uso non portuario dos edificios da avenida do Porto, que poden ter uso hoteleiro no caso de seren edificios históricos en desuso.

Os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo non poden ser vendidos mentres non os desafecten