A tarifa plana do bus: máis beneficios para a Cía de Tranvías por conta dos cartos públicos

A tarifa plana do bus: máis beneficios para a Cía de Tranvías por conta dos cartos públicos

A Coruña, 29 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG non comparte a filosofía da nova tarifa plana do autobús anunciada polo Goberno do Sr. Negreira a mes e medio das eleccións. As nacionalistas basean a súa crítica en que sexa o Concello, cos cartos de todas e todos nós, quen vaia asumir o importe das bonificacións mentres que a Compañía de Tranvías non só non asumirá as bonificacións, senón que incrementará aínda máis os seus beneficios.

Así, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a empresa concesionaria se lucrará en maior medida, pois cantas máis viaxes se fagan máis cartos gaña, por conta dos cartos públicos. Nesta liña, o Bloque denuncia que, fronte ao que nos quere facer ver o PP, as viaxes a partir da número 44 (no caso das persoas usuarias do bonobús xeral) e a partir da 70 (no caso das persoas beneficiarias do bonobús social) non sairán de balde, pois esas viaxes bonificadas correrán por conta dos recursos do Concello.

O BNG considera que o máis normal sería que a Compañía de Tranvías, que conta con suculentos beneficios grazas ás subvencións que recibe do Concello, fose quen asumise o custo das bonificacións por conta, precisamente, deses beneficios que xa ten. Máis unha vez, as nacionalistas aproveitan para reclamar, de inmediato, a revisión da concesión da Compañía de Tranvías e da perversa fórmula de cálculo do billete, pois deste xeito gañaríamos todo o conxunto do pobo e non só faría caixa a Compañía de Tranvías.

A tarifa plana do bus: máis beneficios para a Cía de Tranvías por conta dos cartos públicos