En respostas ao BNG, os gobernos estatal e galego poñen en evidencia que o da pasarela é "un proxecto fume"

Pasarela sobre a Ría do Burgo
Néstor Rego e Mercedes Queixas, parlamentares do BNG no Congreso e na cámara galega, respectivamente, recibiron senllas respostas a preguntas formuladas aos gobernos do Estado e galego en relación ao proxecto de construción dunha pasarela entre As Xubias e a praia de Santa Cristina.
En respostas ao BNG, os gobernos estatal e galego poñen en evidencia que o da pasarela é "un proxecto fume"

Na resposta do Goberno do Estado consígnase que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) non ten “constancia de ter recibido ningunha solicitude nin consulta ao respecto” por parte da Xunta de Galiza.

É obvio, como sinala Néstor Rego na pregunta que dá orixe a esta resposta, que a construción da pasarela precisa como trámite previo dun informe favorábel de ADIF –tamén da Dirección Xeral de Aviación Civil- sendo que o emprazamento elixido afecta “as servidumes da infraestrutura do ferrocarril e do aeroporto”.

O propio Goberno galego, en resposta a Mercedes Queixas, rebaixa o ton do proxecto e fala del meramente como unha proposta. Admite a Xunta implicitamente que aínda non ten os preceptivos nihil obstat da Administración estatal: “O obxectivo da Xunta (...) é alcanzar un consenso cos concellos da Coruña e de Oleiros. Tamén, loxicamente, contar cos informes preceptivos correspondentes dos organismos estatais, Demarcación de Costas, Dirección Xeral de Aviación Civil e ADIF, xa que o contrario suporía invalidar a actuación”.

Mais, de acordo coa resposta do Goberno central a Néstor Rego, a Xunta non tería dado nin o primeiro paso para contar co plácet cando menos do ADIF.

“O sorprendente é que a estas alturas, e en virtude da resposta que se nos ofrece, a Administración central non ten ningún coñecemento deste proxecto. Sorprende porque debe contar coa aprobación de departamentos como o ADIF, a Dirección Xeral de Aviación Civil e a Demarcación de Costas”, remarca Néstor Rego.

Para o parlamentar do BNG, semella claro que “o que fixo o PP desde a Xunta de Galiza foi presentar un proxecto fume, sen base real, e sen o coñecemento previo de ningunha das administracións, nin as locais nin a estatal, concernidas por el”.

Rego sinala que ao BNG a proposta da Xunta xéralle “dúbidas razoábeis”, en atención a que “hai unha importante afectación ambiental sobre unha zona especialmente sensíbel”, e sobre todo porque existen alternativas cun moito menor impacto, “por exemplo a opción de crear unha pasarela en paralelo á Ponte Pasaxe pola parte inferior da mesma”, tal e como propón o Grupo Naturalista Hábitat.

Para o BNG, os proxectos deben presentarse con “seriedade”, “solvencia” e “co debido contraste tanto coas administracións como coa propia sociedade”, visando procurar as alternativas máis favorábeis do punto de vista da sustentabilidade ambiental e social, na procura de políticas que resolvan os problemas de mobilidade na contorna urbana da Coruña.

 

En respostas ao BNG, os gobernos estatal e galego poñen en evidencia que o da pasarela é "un proxecto fume"