Resposta ao BNG: este trimestre ponse en marcha o plan piloto dos novos cursos de educación afectivo sexual

Avia Veira no Pleno de febreiro 2021
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Yoya Neira, avanzou esta tarde, en resposta a unha pregunta oral formulada por Avia Veira, que neste primeiro trimestre de 2021 o Goberno Local vai pór en marcha “un programa piloto cunha nova metodoloxía nos cursos de educación afectivo sexual” dentro do programa Coruña Educa.
Resposta ao BNG: este trimestre ponse en marcha o plan piloto dos novos cursos de educación afectivo sexual

A partir dese programa piloto, que se ensaiará en “tres ou catro” institutos da cidade, o Goberno Local elaboraría os pregos para licitar estes cursos, cuxo contrato finalizou en novembro pasado sen que o Executivo coruñés fose quen de os prorrogar.

Na súa intervención, Avia Veira instou o Goberno Local a que axilizase o proceso de convocatoria duns cursos que considera “unha ferramenta fundamental” no camiño da igualdade e para evitar que a principal fonte de información, máis ben de desinformación, da rapazada sexa a pornografia, frecuente difusora de valores machistas e de prácticas vexatorias para as mulleres.

“Para nós, estes cursos teñen unha importancia enorme. É fundamental que nso centros de ensino se poida falar de identidade sexual, de identidade de xénero, de desexos, de ETS, de afectividades, de prácticas que non se deben imitar”, dixo Veira.

“Estamos de acordo co diagnóstico que vostede fai”, respondeulle Yoya Neira a Avia Veira. Explicoulle que o contrato non foi renovado en novembro por desacordo coa metodoloxía empregada por quen viña impartindo os cursos, pois nestes as nenas e os nenos eran simples suxeitos pasivos de clases “maxistrais”  e o que se pretende agora é que, nomeadamente a partir de Primeiro e Segundo da ESO, as aulas sexan participativas e dean protagonismo ás rapazas e aos rapaces.

Neira precisou que a metadoloxía dos novos cursos será a mesma en Primaria e Infantil –clases “maxistrais”- mas mudará substancialmente na ESO e no Bacharelato. O obxectivo é implicar as e os adolescentes con “sesións creativas” en que as mozas e mozos sexan “arte e non parte” e non meros ouvintes. “Sesións creativas a través técnicas como a fotografía, a publicidade, o cómic..., sempre dadas por persoal formado nesas disciplinas”, avanzou a concelleira.

Por súa parte, Avia Veira urxiu o Goberno Local a que o concurso se faga coa máxima transparencia e a que se garanta a adecuada cualificación profesional do persoal que vaia impartir eses cursos.

 

Resposta ao BNG: este trimestre ponse en marcha o plan piloto dos novos cursos de educación afectivo sexual