ORZAMENTOS XUNTA 2018

Propoñemos investimentos para sanidade, servizos sociais, educación, infraestruturas e para a Ría do Burgo

Xosé Luís Rivas Mini e Vitoria Louro, xunto coas concelleiras e cos concelleiros da comarca, diante do Santiago Apóstolo coa Ría do Burgo ao fondo
Xosé Luís Rivas Mini e Vitoria Louro, xunto coas concelleiras e cos concelleiros da comarca, diante do Santiago Apóstolo coa Ría do Burgo ao fondo

Presentamos as nosas alegacións aos Orzamentos da Xunta de Galiza fronte ao Centro Santiago Apóstolo como símbolo do abandono e dos recortes nos servizos públicos do Partido Popular á fronte do Goberno galego

Segundo o noso parlamentario Xose Luis Mini Rivas “Os orzamentos da Xunta de Galiza responden a un modelo neoliberal e procuran a consolidación dos recortes mais fronte a iso a alternativa do BNG reflectida nas nosas emendas pasa pola defensa dos servizos públicos como ensino, a sanidade ou os servizos sociais mais tamén pola creación de emprego de calidade”

Vitoria Louro, a nosa responsábel comarcal, denunciou que os orzamentos da Xunta de Galiza marxinan a comarca da Coruña e a cidade da Coruña malia ser unha das zonas máis poboadas do país e un dos seus motores económicos

Propoñemos investimentos para sanidade, servizos sociais, educación, infraestruturas e para a Ría do Burgo

Presentamos esta mañá diante dos medios de comunicación as nosas alegacións (podes velas premento nesta ligazón) aos Orzamentos da Xunta de Galiza nun acto ao que asistiu o noso parlamentario Xosé Luis Rivas “Mini”, a nosa responsábel comarcal da Coruña, Vitoria Louro, os nosos concelleiros de Cambre, Daniel Carballada e Brais Cubeiro, o noso concelleiro de Culleredo, Tono Chouciño, o noso concelleiro de Sada, Xóse Lois Suárez Becerra a nosa concelleira da Coruña, Avia Veira, acompañados de militancia da localidade de Oleiros e de Cambre.

Pola súa banda, Vitoria Louro, denunciou que os orzamentos da Xunta de Galiza marxinan a comarca da Coruña e a cidade da Coruña malia ser unha das zonas máis poboadas do país e un dos seus motores económicos.

“Estamos diante do antigo Centro Santiago Apóstolo como símbolo do abandono e dos recortes nos servizos públicos do Partido Popular á fronte do Goberno galego, nun edificio destas dimensións que cae por anacos malia estar situados nel dous servizos moi sensíbeis: o Punto de Encontro das Familias e mais o Centro de Asistencia e Educación Especial. Fronte ao abandono deste lugar. Desde o BNG propoñemos acabar con este abandono investindo 1,2 millóns de euros para a rehabilitación desta instalación e a creación dun Centro de Día no seu interior: unha reivindicación que reiteramos nas nosas alegacións aos Orzamentos da Xunta de Galiza ano tras ano mais que parece non importarlle ao Goberno galego”, declaraba Vitoria ao comezo da rolda de prensa (preme aquí para escoitar o audio).

Así mesmo, o noso deputado Xosé Luis Rivas “Mini” denunciou que os orzamentos da Xunta de Galiza responden a un modelo neoliberal e procuran a consolidación dos recortes e fronte a iso a alternativa do BNG reflectida nas nosas emendas pasa pola defensa dos servizos públicos como ensino, a sanidade ou os servizos sociais mais tamén pola creación de emprego de calidade (tamén podes escoitalo premendo aquí).

Nas nosa s alegacións aos Orzamentos da Xunta de Galiza apostamos polos investimentos na comarca da Coruña en materia de Sanidade e Servizos Sociais: con 1 millón de euros para a implantación do Centro de Saúde de Santa Lucía na cidade da Coruña, 800.000 euros para a dotación de servizos, persoal e horarios nos centros de saúde de Novo Mesoiro, Meicende e Arteixo, a mellora da residencia asistida de maiores de Oleiros e o investimento no COF coa recuperación dos servizos no Centro de Saúde do Ventorrillo e co aumento de horario no de Orillamar.

No que ten a ver co ensino, reclamamos o Centro de Ensino (integrado) en Novo Mesoiro cunha dotación de 1,3 millóns de euros así como a mellora de centros de ensino da cidade da Coruña e en centros de Oleiros por valor de 2,4 millóns de euros; no que ten a ver co ensino non obrigatorio solicitamos da Xunta de Galiza que amplíe a escola infantil en Fonte da Balsa (Culleredo), e o inicio dúas novas en Nós (Oleiros), e na Coruña.

Por último, coas nosas alegacións volvemos facer patenta a necesidade de que a Xunta de Galiza se implique coa ría do Burgo para a que pedimos un investimento de 3 millóns de euros 3.000.000 de cun Plano Integral de rexeneración, co apoio, recuperación e promoción da actividade pesqueira e para convenios cos mariscadores por paradas.

Desde logo entendemos que a forma de apostar pola ría do Burgo é programando investimento, rachando coa parálise dos trámites estatais e apostando por eliminar verteduras ao estuario: non aprobando a instalación de novas ameazas como a que vimos de denunciar coa planta de tratamento de aceites e hidrocarburos no peirao de Oza, na bocana da ría.

A Coruña, 28 de novembro de 2017

 

Artigos relacionados:

Propoñemos investimentos para sanidade, servizos sociais, educación, infraestruturas e para a Ría do Burgo